O secretario xeral do PSdeG esboza propostas para resolver o colapso da sanidade, construír un sistema de coidados con garantía pública nas residencias de maiores e reindustrializar Galicia liderando a “revolución verde”
O líder dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, anunciou hoxe que o PSdeG proporá, na xuntanza do vindeiro luns co presidente da Xunta, un modelo alternativo para unha Galicia “que ten fame de futuro, de ilusión e de talento”. Unha Galicia, en definitiva, “mellor, máis optimista, máis moderna e máis europea”, proclamou.
Así o expuxo ante os medios de comunicación tras manter unha reunión coa Comisión Permanente da Executiva do PSdeG que serviu para preparar a definir os aspectos esenciais que se van tratar na xuntanza con Alfonso Rueda. Tres son os puntos fundamentais que vai trasladar o PSDEG: un novo modelo sanitario, un novo modelo de protección con garantía pública para as persoas maiores e un novo modelo económico.
NOVO MODELO FRONTE AO COLAPSO SANITARIO
No primeiro destes aspectos, Formoso explicou que reclamará que a Xunta afronte “de maneira urxente” medidas claras, contundentes e orzamentadas para resolver o colapso sanitario “que está a afectar a todos os ámbitos do sistema galego”. Así, fronte a unha atención primaria que hoxe está “reducida a unha liña de atención telefónica”, o PSdeG proporá que se modifique a Lei de saúde pública de Galicia para que calquera paciente poida ter un ditame mínimo nun prazo de 48 horas.
Por outra banda, e “despois da revolución dos responsables de medicina interna do Sergas”, o líder dos socialistas galegos avogou “facer caso ao mundo sanitario, comprender as súas necesidades e modificar a política laboral do Sergas para ir ao tope de concentración de médicos nas convocatorias MIR que fai o Estado”. Preténdese, deste xeito, “que non ocorra o que está a pasar en Galicia, con moitas prazas vacantes”. Apostou, ademais, por reforzar o sistema de enfermería e “ser capaces, con estas medidas, de acortar claramente os tempos de espera dos pacientes para ter un criterio dunha especialidade hospitalaria”.
En paralelo, Valentín González Formoso lamentou tamén o colapso das urxencias sanitarias, onde un paciente ten que agardar ata 48 horas para que lle asignen unha habitación. Trátase, dixo, dun escenario “máis propio de Jarkov, en Ucraína, que da Coruña ou Vigo, en Galicia”.
Por iso, “para evitar esa fotografía que se dá nos corredores dos hospitais galegos”, Formoso defendeu a dotación de máis orzamento e de máis medios para resolver de maneira inmediata esa situación “que están a vivir moitos galegos e galegas”. Ao tempo, reivindicou que se descargue de tarefas administrativas aos profesionais sanitarios e que se adapten os complexos hospitalarios a esa realidade.
UN NOVO MODELO DE ATENCIÓN AOS NOSOS MAIORES
Como segundo eixo da reunión con Rueda, o PSdeG propugna un novo modelo de atención sociosanitaria no eido da terceira idade. Tras as imaxes da pandemia en moitas residencias privadas, “onde os maiores estiveron a sufrir coidados moi deficientes”, Formoso defendeu que se garanta “un trato mellor dende o público”.
Nesta liña, demanda a promoción de residencias de titularidade pública, e onde os postos esencias de dirección e inspección estean tamén ocupados por persoal público. Con este obxectivo, o PSdeG solicitará a creación dun corpo público de inspectores para controlar a calidade asistencial nas residencias.
UN NOVO MODELO ECONÓMICO PARA REINDUSTRIALIZAR GALICIA
Finalmente, no eido económico, o secretario xeral dos socialistas galegos anunciou que o PSdeG proporá un novo modelo “que teña en conta a necesidade de reindustrializar un país que perdeu 60.000 postos de traballo no sector industrial na última década”. Iso, afirmou, require da “utilización intelixente das súas potencialidades naturais” para que Galicia colidere “a revolución verde”. Na liña do que marca a Unión Europa, avogou polo impulso do hidróxeno e as enerxía renovables.
Para iso, Formoso insistiu na necesidade de poñer en marcha unha axencia enerxética que teña a capacidade de detectar os proxectos estratéxicos que permitan garantir o futuro daquelas empresas galegas tractoras para moitos territorios do país. Incidiu ademais na presenza pública no accionariado deses proxectos estratéxicos.
“Non renunciemos”, subliñou, “a ser líderes nesa nova tecnoloxía que se chama hidróxeno e que pode garantir a retención e a recuperación de talento dunha mocidade que quere ter unha oportunidade para medrar e desenvolver os seu proxecto vital en Galicia”.
Con esta folla de ruta, Formoso explicou que o PSdeG anunciará que irá coa “man tendida” á reunión con Rueda, pero sempre reclamando “o que é imprescindible para Galicia”. “Naqueles asuntos que se requira acordo de país”, concluíu, “os e as socialistas imos estar á altura das circunstancias e priorizando o interese xeral sobre o partidista, como nos reclama nestes momentos a cidadanía”.
DIGNIFICAR OURENSE
Tras incidir en que “temos que centrarnos nos temas máis urxentes de país”, Valentín González Formoso indicou que a situación política en Ourense tamén pode requerir atención na xuntanza do luns con Rueda.
Lembrou que o PSdeG xa suscitou un acordo para resolver a situación dun alcalde “que está restando dignidade a unha cidade que non se sente representada por el”. En calquera caso, advertiu que Baltar, “por manterse na Deputación, é capaz de arrestar e ter retida a vontade do PP a nivel galego” contra os intereses dunha cidadanía que reclama “dignificar Ourense”.