Besteiro reivindica a campaña “en positivo” e cunha mensaxe “de alegría e de esperanza no futuro” fronte á campaña “en clave de oposición” do PP
Os socialistas reúnen aos alcaldes de Cariño, Cedeira, Cerdido, Ortigueira e Valdoviño para celebrar a declaración do Xeoparque Ortegal por parte da Unesco
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, subliñou hoxe que “estamos orgullosos do que somos, dos nosos candidatos e candidatas, e non lle tomamos o pelo á cidadanía”. Así o dixo en Cabo Ortegal, para sinalar a diferenza na publicidade electoral dos socialistas, cos candidatos a alcalde, fronte a PP e BNG, que “poñen as caras de Ana Pontón e de Feijóo”.
Advertiu que “indica como está asumindo cada un o reto das municipais: agochando aos candidatos e candidatas no caso de PP e BNG ou esgrimindo a forza dos candidatos e candidatas en tódalas vilas e cidades, como o PSdeG”. Defendeu que “a sociedade é madura e sabe perfectamente que nos estamos a xogar o eido municipal e a referencia política máis cercana, que é o Concello”.
Salientou que a caravana socialista recibiu “ilusión transmitida pola cidadanía” nos locais “cheos” de simpatizantes que demostraron que a poboación está “moi contenta con que gobernemos na capital, cun Bugallo referencia de estabilidade, solvencia e ética”. Do mesmo xeito, trasladou o optimismo co “dinamismo de Vigo, o motor económico de Galicia”.
Tamén sinalou o apoio a Inés Rey na Coruña, co “liderado en novas tecnoloxías” para unha cidade que baixo o seu goberno “recupera a capacidade de soñar”. Salientou o traballo de Mato en Ferrol, unha cidade que “por fin ten esclarecido o futuro para os próximos 15 anos, coa maior carga de traballo adxudicada a un estaleiro público en toda a historia”, e o convenio de reforma urbanística co Ministerio de Defensa.
A cidadanía, dixo, que tamén apoia a Lara Méndez e o seu proxecto para facer de Lugo líder en emprendemento, centrando a “nova transformación” dunha cidade “atractiva para que veña investir xente de toda España”. Todos eles, e o resto dos candidatos en tódolos pobos e cidades fixeron bandeira, dixo, da atención sanitaria, o emprego e a protección social como eixo dos programas electorais.
Concluíu que o próximo domingo “empeza a revolución” para recuperar a autoestima e “darlle moral” á sociedade galega, e “evitar que siga rendida despois de tantos anos de goberno de Feijóo e Rueda”, e “recuperar e incentivar o talento que ten o país e pode mudar a sociedade”.
Pola súa banda, José Ramón Gómez Besteiro afeoulle ao PP que teña plantexado unha campaña “en clave de oposición”, empeñado en incorporar á campaña o “recordo histórico do pasando sanguento de ETA, un mundo que nin coñecemos nin recoñecemos”. Reivindicou a campaña “en positivo” despregada polos socialistas galegos, cunha “mensaxe de alegría e de esperanza nun futuro mellor”.
Xeoparque
Formoso e Besteiro reuniron hoxe aos alcaldes socialistas de Cariño, Cedeira, Cerdido, Ortigueira e Valdoviño en Cabo Ortegal para celebrar a declaración do xeoparque pola Unesco, unha declaración única para este territorio xunto con outras 15 en todo o planeta que son recoñecidas por parte da ONU.
O tamén presidente da Deputación da Coruña e o tamén delegado do goberno en Galicia salientaron o traballo conxunto dos alcaldes da comarca, xunto co apoio do ente provincial e dos ministerios de Asuntos Exteriores e de Turismo. Subliñou que entre todos acadaron finalmente unha declaración que consolida a “aposta polo turismo sostible e de calidade”.
González Formoso salientou a relevancia deste recoñecemento para a retención de talento para a economía local e por canto supón ao consolidar un “sinal de identidade para o turismo propio da zona” de corte temático ornitolóxico ou xeolóxico, que prioriza a natureza nun espazo “non sobreesplotado, non deteriorado e que hai que protexer”.