O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, cuestionou hoxe a lexitimidade da sucesión de Feijóo á fronte da Xunta, por canto “vai estar moi afastada da vontade dos galegos e das galegas” nas últimas eleccións autonómicas. Lamento que “agora van ser 4 baróns provinciais reunidos nunha mesa camilla os que decidan quen vai ser presidente da Xunta e tamén un goberno de componendas provinciais”.
O líder dos socialistas galegos respondeu a preguntas dos xornalistas en A Coruña para sinalar que a designación do próximo presidente da Xunta “se alonxa da vontade dos galegos e das galegas manifestada nas urnas non hai tanto tempo”.
Así o dixo nun acto xunto co delegado do Goberno, José Miñones, quen lamentou que “esteamos falando de sucesións e non de execución”. Sinalou que “estamos presentando un plan de 350 millóns de euros –para rehabilitación de edificios públicos- e ao final do que están a falar na Xunta é dunha sucesión”.
Sinalou que “non é o momento” que o goberno galego estea focalizado no relevo precisamente nun ano “clave” para Galicia, no que se está a executar o Fondo de Recuperación do goberno central. Puntualizou que “non creo que sexa o mellor para a nosa terra” un relevo no Executivo e ademais “nas formas en que se está a producir”.