O líder dos socialistas galegos asistiu hoxe, xunto co presidente do Goberno, o acto de corte de chapa dos novos buques para a Armada nun día “realmente histórico”
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, puxo de relevo hoxe as oportunidades laborais, de talento e de diversificación industrial que se abren para Ferrol, a súa comarca e o conxunto de Galicia co inicio da construción das novas fragatas F-110.
O líder dos socialistas galegos asistiu hoxe, nos estaleiros de Navantia, ao acto de corte de chapa dos novos buques para a Armada española, no que acompañou ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez.
Tras cualificar a xornada como “un día realmente histórico”, Formoso subliñou que este megacontrato por valor de 4.500 millóns de euros vai supoñer un pulo para a contratación e o mantemento dunha media de 9.000 traballadores e traballadoras durante os vindeiros dez anos. “Vai ser”, resaltou, “un contrato e un proxecto tractor non so para Ferrol e súa a comarca senón para toda Galicia”.
Nesta liña, afondou en que “aquí vaise aglutinar talento, coñecemento e forza laboral”. Porén, máis alá das oportunidades laborais que conleva para a sociedade galega”, o secretario xeral do PSdeG tamén incidiu nas posibilidades de talento que implica para un estaleiro e unha cidade que agora “ten tempo para repensar a súa diversificación e para mellorar e modernizar as súas capacidades nas instalacións de Navantia”.
Ao fío disto, fixo fincapé tamén nas oportunidades que achega para potenciar a futura actividade do estaleiro. Así, salientou as perspectivas de mellora no eido “da dixitalización, dos procesos produtivos ou das novas infraestruturas, como o propio dique, que lles permitirá ser competitivos de cara a un futuro próximo”.