O secretario xeral do PSdeG fai unha visita a Verín para denunciar o “baleirado” do hospital comarcal, que está “aberto por fóra e pechado por dentro” pola falla de especialistas
Censura que a Xunta afirme loitar contra o despoboamento mentres retira servizos públicos no rural
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, criticou que se “lle van as rendas” do seu goberno a Rueda tralas diversas dimisións acumuladas dende o seu nomeamento en áreas sensibles como sanidade e educación, trala dimisión do director xeral de FP. Nunha visita a Verín, lamentou que o goberno galego retire servizos públicos no rural mentres afirma loitar contra o despoboamento.
O secretario xeral dos PSdeG, Valentín González Formoso, criticou a incerteza derivada das “constantes dimisións” na administración galega, sendo as últimas aa do director xeral de FP, José Luis Mira, e a do seu fillo, que era o seu subdirector xeral. Por iso, esixiu que o den explicacións Alfonso Rueda ou o conselleiro de Educación, Román Rodríguez.
Este “lío interno” non pode producirse en peor momento para o líder socialista polo inicio do curso, o “momento histórico” na Formación Profesional polo impulso dunha nova lei ou a maior dotación de fondos do Estado para impulsar a formación dual e homologarse a Europa.
Recordou as dimisións dos xefes de medicina interna dos principais hospitais galegos e o “intercambio de postos” na xerencia dos Sergas de hai apenas dous meses, que xeran un clima de “descontrol” do presidente que está “deixando sen funcionar” os servizos públicos en Galicia, afirmou Formoso.
Aproveitando a visita a unha zona do interior da comunidade autónoma tan afectada polo despoboamento, o líder do PSdeG denunciou que o executivo galego “retire servizos” públicos do rural, mentres diga “apostar pola loita contra o despoboamento” do rural galego.
Formoso afirmou que será tarefa do “vindeiro goberno” socialista da Xunta “reverter a situación de abandono dos servizos públicos” que está a deixar o executivo liderado por Rueda. O líder socialista apunta así a unha falta de liderado do actual presidente e ponlle data ao cambio en San Caetano.
O representante do PSdeG remarcou os problemas no ámbito sanitario que está a sufrir a localidade ourensá, “paradigma da política sanitaria do PP”, centrándose na espera para a atención médica de ata 25 días, o “baleirado” interno de especialidades do centro de saúde, “aberto por fóra e pechado por dentro”, así como a atención telefónica xeneralizada nunha zona con moita poboación de idade avanzada.
Destacou que o goberno da Xunta terá un incremento de 1000 millóns de euros nos orzamentos de 2023 e contará cun investimento do estado de 450 millóns de euros para reforzar o sistema sanitario galego, polo que entende que o non pode haber “escusa” algunha para non investir en sanidade.
O secretario xeral do PSdeG visitou o municipio de Verín e, coa atención posta no seu centro de saúde, para reunirse co alcalde, Gerardo Seoane, e co grupo municipal socialista, para coñecer de primeira man as problemáticas derivadas da xestión da Xunta. Acudiu acompañado de diversos representantes socialistas, como os deputados no Congreso, Adolfo Pérez Abellás e Uxía Tizón, o senador Miguel Bautista ou a parlamentaria Marina Ortega, entre outros.