O líder do PSdeG censura a intervención do candidato, baleira de respostas aos principais problemas en materia económica, sanidade e de protección social aos maiores
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, criticou hoxe a intervención de Alfonso Rueda na primeira sesión do debate de investidura, que cualificou de “retro” por canto “manda unha mensaxe doutra época”. O responsable socialista fixo hoxe unha primeira valoración do discurso do candidato do PP á presidencia da Xunta, que viu “autocomplaciente, falto de ilusión e de mensaxe de futuro para Galicia”.
O líder dos socialistas galegos criticou que mentres repite repite como un mantra a “familia, traballo e xuventude”, en realidade fai unha intervención baleira de respostas aos principais problemas de Galicia para afrontar o contexto postpandemia e a crise derivada da guerra de Ucraína. Formoso reivindicou un acordo en materia económica, de sanidade e de protección social aos maiores.
Sinalou que mentres o candidato do PP sitúa á xuventude como un dos eixos do seu proxecto, o único que lles ofrece aos mozos e mozas son bonificacións nos albergues e 12.000 prazas de campamento de verán, “coma se a xuventude galega anhelara iso para o seu futuro”.
Apuntou que “a xuventude galega aspira a que se fale de oportunidades laborais de futuro”, e de “que modelo económico ten que ter a Galicia do futuro”, pero que “van notar que no discurso de hoxe non se falou para nada de investigación nin de ciencia”. Reivindicou un modelo económico “que teña algo máis que o Camiño de Santiago”, que é “parte importante da economía, pero que non vai garantir oportunidades claras de calidade e de futuro para a xuventude”.
Formoso lamentou que no eido educativo, máis alá dunha “pequena referencia ao acoso escolar que evidentemente vamos apoiar por convicción, obriga e responsabilidade, non falamos para nada de como vamos remodelar o sistema educativo”. Reclamou a reposición das 1.835 prazas dos profesores que desapareceron nos últimos 13 anos de goberno de Feijóo e Alfonso Rueda.
Afeoulle ao candidato que tan só falara das residencias de maiores construídas por Amancio Ortega, mentres “non puido falar das residencias da Xunta” porque, lembrou, “non hai unha soa residencia pública dende que Alfonso Rueda é vicepresidente do goberno deste país”. Lamentou que non fixera “nin unha soa referencia ao anhelo de cambio do modelo de xestión das residencias públicas” en Galicia.
Sanidade
Valentín González Formoso criticou que o ata agora vicepresidente da Xunta “vive no seu mundo particular” cando apela á satisfacción da poboación coa Atención Primaria que “nunca tan mal estivo” en Galicia. Sinalou que “se algo está a defraudar á poboación galega, que adora, ama, protexe e valora moi positivamente o sistema sanitario, é o déficit da Atención Primaria” provocado polos recortes do goberno do PP.
Criticou que “defenda que a Atención Sanitaria funciona perfectamente” cando a realidade é que “está reducida a unha simple liña de atención telefónica, coa xente esperando a que se lle encontre o seu expediente persoal, que se lle colla o teléfono, ou agardando 14 días para unha simple cita médica”. Reivindicou que a poboación “ten dereito a que en 48 horas teñan un diagnóstico previo do que necesitan para saber o que adoecen”.
Actuación urxente
Valentín González Formoso propuxo hoxe un “pacto completo e urxente” para que Galicia afronte con unidade a “rápida e necesaria actuación” para a recuperación postpandemia e fronte ás consecuencias da guerra de Ucraína.
O responsable socialista anunciou que lle remitirá unha proposta de acordo ao novo presidente da Xunta, que “será a primeira carta que Alfonso Rueda reciba por parte dun partido institucional que goberna ao 62 por cento da poboación galega” no ámbito municipal. Aludiu así á proposta que fixo pública no Comité Nacional Galego do pasado sábado centrada no triplo eixo da economía e o emprego, a atención primaria e a protección social dos maiores.
Reivindicou así en primeiro lugar un pacto “pola economía e o emprego, pola investigación e pola ciencia como modelo que dea soporte a nova Galicia económica do futuro”. Continuou propoñendo un “pacto pola Atención Primaria” no que “sexamos capaces de priorizar medidas no orzamento que garantan unha mellor Atención Primaria aos galegos e ás galegas”.
Finalmente, reclamou un acordo en canto á “protección social” sinalando á terceira idade, “onde garantamos un modelo no que a titularidade pública garanta unha boa xestión e bo coidado, para que non se repitan situacións dramáticas” provocadas polo “mercantilismo nas residencias públicas” na etapa da pandemia.
O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, interveu antes do secretario xeral do PSdeG para sinalar que a intervención “responde máis ao Rueda conselleiro” que a un candidato a presidir o goberno galego. Lamentou o discurso “absolutamente previsible, que resposta a un proxecto esgotado”, que repite “o mesmo discurso de investidura polo que pasamos hai 2 anos con Feijóo como candidato”.