O líder dos socialistas galegos traslada o apoio do partido aos traballadores de Nova Pescanova logo dun encontro mantido con representantes do comité de empresa
Apunta que Rueda está “á desesperada” e advirte que a cidadanía “non vai variar o seu voto por un chándal que ofreza Rueda ou pola rebaixa no vehículo de segunda man”
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, criticou hoxe a pasividade da Xunta, que permanece “de mans cruzadas” diante da perda de capital galego nos buques insignia da Comunidade Autónoma. Formoso fixo estas declaracións logo de visitar a feira Conxemar en Vigo e antes de participar nun encontro co Comité de Empresa de Pescanova.
O responsable socialista dixo que a falla de xestión de Feijóo e Rueda nos últimos 14 anos ten provocado a perda de capital galego nos sectores estratéxicos da economía, que se enfronta á “perda dun buque insignia do sector transformador da pesca como é Pescanova”. Advertiu que os 12.000 empregos que dependen do xigante galego están “pendentes de que a Xunta faga o seu traballo e tome as rendas do sector industrial”.
Formoso respaldou aos traballadores de Pescanova no proceso de negociación dun ERE que afrontan como vítimas dunha medida “inxusta” derivada da mala situación económica do grupo. Reclamou man tendida para que haxa “o menor dano económico e persoal para as familias” afectada polo proceso e trasladou a importancia de que a nova dirección siga contando con capital galego”.
Esta situación é consecuencia, dixo, da falla de política industrial dunha Xunta que fracasa á hora de ofrecer alternativa ao talento formado nas universidades galegas. Responsabilizou aos gobernos do PP da marcha do capital galego tamén no sector financeiro, como sucedeu co Banco Pastor ou con Caixanova, hoxe como Abanca nas mans dunha empresa de Venezuela.
Galicia tampouco conta xa cun referente no sector enerxético como foi Unión Fenosa, “hoxe presa de fondos de inversión estranxeiros”, así como nas telecomunicacións onde “R fala en galego nos anuncios pero é de capital de fondos estranxeiros”. Lembrou a marcha de Puentes e Calzadas, a empresa da construción no seu momento galega pero hoxe adquirida por capital chino, igual que a conserveira Albo.
Rueda á desesperada
O responsable socialista advertiu que o presidente da Xunta está “á desesperada” en pleno proceso de “interiorizar que vai perder o próximo goberno da Xunta”. Advertiulle que “a cidadanía non vai variar o seu voto por un chándal que ofreza Alfonso Rueda ou pola rebaixa na compra dun vehículo de segunda man”, en alusión aos últimos anuncios preelectorais do presidente da Xunta.
Formoso citou ao propio Feijóo, que no debate da súa investidura falida afirmaba desconfiar dos gobernos que anuncian regalías e baixadas de impostos “sen criterio de ningún tipo”. Lembrou que o propio Rueda leva 15 días facendo anuncios coñecedor da súa propia debilidade política “como aqueles gobernantes con gran inseguridade na súa situación política” e anuncian baixadas de impostos e subvencións”.
Advertiu a madurez do electorado galego, que “sabe valorar que neste país se perden oportunidades cada día”, cun goberno de brazos caídos e sen tomar ningunha acción para reter talento”.