O líder do PSdeG acúsao de “apropiarse das medidas do Estado” para “agochar a súa falta de implicación coa sociedade galega”
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, criticou hoxe a inacción do goberno de Alfonso Rueda ante a suba de prezos que afecta especialmente ás familias de clase media e traballadora galega, así como ás pemes e aos autónomos.
Pronunciouse sobre a falta de políticas autonómicas para paliar a inflación nunha visita ao Mercado da Magdalena en Ferrol, xunto co alcalde da cidade, Ángel Mato, elixindo esta praza de abastos por ser “un lugar, como o que hai en calquera vila do país, onde as familias poden comprobar a enorme suba do custo dos alimentos”.
Ante a que é “a maior carestía dos prezos nos últimos 40 anos”, Formoso pregunta “onde está Alfonso Rueda e o seu goberno?”. Nesta liña, denunciou que no seu orzamento autonómico de 13.000 millóns de euros “non hai ningunha medida para axudar ás familias e empresas galegas ante as dificultades económicas”. As medidas máis salientables tomadas pola Xunta ata o momento foron a rebaixa do imposto de patrimonio para os millonarios e a retirada da tarxeta básica da que se beneficiaban milleiros de familias galegas.
Do mesmo xeito, o número un dos socialistas galegos encontra especialmente significativo que o goberno galego sexa o único que non ten ningún plan para apoiar ás familias galegas de clase traballadora, de clase media, pemes, nin autónomos, ante esta difícil conxuntura económica.
Valentín González Formoso tamén acusou a Rueda de apropiarse das políticas do Estado para “agochar a súa inacción e falta de implicación coa sociedade galega”. Neste punto citou cuestión como a bonificación do transporte interurbano, bono alugueiro para a xente moza ou as axudas rehabilitación de vivendas, financiados por fondos estatais e que a Xunta trata de vender como propias.
Afondou na comparación da acción do goberno do Estado e do galego, contrapoñendo a inexistencia de medidas por parte da Xunta cos 45.000 millóns de euros investidos dende o executivo de Pedro Sánchez para paliar o impacto da suba dos prezos nas persoas máis desfavorecidas da sociedade, “pero tamén nas familias de clase media e traballadora, así como aos sectores estratéxicos da economía”.
Entre as medidas que máis impacto tiveron na sociedade galega encóntranse, para o socialista, a baixada do IVE na electricidade, nos produtos de alimentación básicos, a limitación dun 2% á suba dos alugueiros, o bono de balde para o transporte ferroviario, a viaxe de volta gratuíta na AP-9, ou a bonificación do 20 céntimos por litro de combustible, que se mantén para os colectivos profesionais no 2023.