O líder dos socialistas galegos urxe ao presidente da Xunta a exercer as súas competencias: “a Xunta non pode estar nun simpa permanente co Estado e cos galegos e as galegas. Tamén ten que facer deberes”
Puntualiza que “non estamos a soñar unha Galicia” senón a presentar “unha oferta de país real, que estamos a construír onde gobernamos día a día”
Reclama 140 millóns de euros adicionais para atención primaria en 2023, aumentar o investimento en I+D+i ata o 1,41 por cento do PIB en 2 anos e que autoricen antes do 30 de setembro os parques eólicos que garantan o futuro de Alcoa
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, mantivo hoxe a súa primeira reunión institucional co presidente da Xunta, na que contrastou un modelo de país “resignado” representado por Rueda e o PP coa “ilusión e esperanza” dos socialistas galegos. Así o dixo logo dun encontro que valorou como “cordial, pero non todo o produtivo que quixera”.
Formoso presentou 3 propostas en outros tantos eixos centrais para un novo modelo de país, que pasan pola sanidade, a economía e a atención aos maiores. Urxiu a Rueda a tomar medidas dentro das competencias e do ámbito de actuación propio do goberno galego porque, sinalou, “a Xunta non pode estar nun simpa permanente co Estado e cos galegos e as galegas, senón que tamén ten que facer deberes”.
Neste sentido reivindicoulle ao presidente da Xunta que tome nota das competencias propias para axudar aos galegos e ás galegas no momento máis difícil das últimas décadas, logo dunha pandemia e padecendo os efectos da guerra de Ucraína. Confirmou que os socialistas galegos “nunca deixaremos de lado as reclamacións que se poidan facer dende Galicia ao goberno do Estado”.
Explicou que as propostas socialistas parten dun “substrato de experiencia na xestión” a través das 3 deputacións provinciais e os pobos e cidades dende os que gobernan ao 62 por cento dos galegos e das galegas. Sinalou que “non estamos a soñar Galicia”, senón que “presentamos unha oferta de país real, que xa estamos a construír nos ámbitos institucionais que o socialismo hai moitos anos que goberna día a día”.
Neste sentido, explicou que ao pedir o aumento da partida para o Servizo de Axuda ao Fogar e á atención á Dependencia, así como liñas de axudas aos transportistas, agricultures, gandeiros ou pescadores “son medidas que xa estamos a facer dende as deputacións provinciais nas que gobernamos”.
Sanidade
Formoso propuxo medidas urxentes fronte ao colapso sanitario de Galicia, destinando 140 millóns de euros máis no orzamento de 2023 para comezar a recuperar os preto de 1.000 profesionais sanitarios que Galicia perdeu dende 2009. Reclamou ademais a incorporación dun máximo de 48 horas para ter diagnóstico inicial en atención primaria e rematar coa subcontratación e a inestabilidade na plantilla do Sergas.
En materia económica, urxiu a modificar o modelo económico para impulsar aos sectores estratéxicos, incrementando o investimento do I+D+i, hoxe por debaixo do 1 por cento do PIB, ata a media nacional do 1,41 por cento nun prazo de 2 anos.
Ademais, reivindicou a aposta polas enerxías renovables reclamándolle á Xunta que se adhira ao pacto eólico impulsado polos socialistas galegos e habilitando a participación pública nos proxectos tractores para o territorio a través do Inega.
O secretario xeral do PSdeG apuntou en concreto á necesidade de que a Xunta autorice antes do 30 de setembro os parques eólicos que precisa Alcoa para sustentar o consumo eléctrico futuro, e antes do 31 de decembro aqueles que permitan facer viable a primeira planta de hidróxeno verde de Galicia.
Ademais, propuxo dúas medidas concretas para afrontar a inflación, que parten da reversión nos galegos e as galegas, a través de liñas de axuda, a metade dos 550 millóns de euros recadados polo tramo autonómico do imposto de hidrocarburos. Tamén propuxo incrementar o mínimo exento do tramo autonómico do IRPF, que permitiría rebaixar 430 euros a 1 millón de galegos e de galegas.
Finalmente, propuxo reforzar a protección social dos maiores, logo das imaxes “preocupantes” reveladas durante a pandemia e en datas recentes sobre a falla de calidade do servizo dos usuarios das residencias. Lembrou que o PP “non promoveu unha soa residencia pública” dende a chegada ao goberno de Feijoo en 2009, polo que reivindicou un “modelo de residencias públicas, dirixidas por persoal público da Xunta.
Explicou que a sanidade, a economía e a protección social dos maiores son “3 eixos da base do proxecto de futuro para unha Galicia que espera unha realidade máis ilusionante” que a que lle ofrece o goberno do PP. Resumiu que son “os 3 piares da Xunta de Galicia que Galicia ansía e que o PSdeG quere liderar, e que ofrece aos galegos traballando con cercanía, humildade e determinación”.