O PSdeG reivindica que “gañamos o debate” ao forzar ao PP a tramitar unha Lei do Xogo a pesares do rexeitamento da iniciativa socialista
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, contrapuxo a Lei do Xogo presentada polos socialistas galegos, consensuada cos colectivos representantes das persoas vulnerables, coa do PP, que “aposta por blindar os intereses das compañías e as casas de apostas e de xogo”. Formoso seguiu dende o Parlamento o debate da proposición de Lei do Grupo Socialista, que tivo lugar hoxe e no que foi rexeitada polo voto en contra do PP.
O líder dos socialistas galegos fixo un chamado á “defensa por Lei dos colectivos máis vulnerables nun problema de calado social como é a ludopatía”, regulado por unha norma de 1985 que deixa sen regular as novas modalidades de apostas e xogo. Formoso apostou por “investir na sociedade, e blindar os colexios” fronte ás condutas nocivas tamén para os mais pequenos cun texto que “nos homologa a nivel europeo, protexe aos máis vulnerables e que está á altura das circunstancias”.
Sinalou que “un goberno que representa aos galegos e ás galegas debe de velar principalmente polos intereses dos menores, que poden estar afectados” polo risco das condutas aditivas “nunha sociedade que recoñece que case o 30 por cento dos menores de 18 anos xogaron a xogos de azar con cartos polo medio”.
O responsable socialista salientou que a iniciativa socialista presentando esta iniciativa ten “provocado o debate da renovación da regulación dunha área tan sensible socialmente como é o xogo e as apostas”, e engadiu que logo do trámite parlamentario de hoxe “gañamos o debate social” cunha iniciativa que “ten o respaldo maioritario da sociedade galega”.
González Formoso seguiu o debate dende a tribuna de convidados do Parlamento xunto cos representantes das asociacións de ludopatía Agalure e Agaja, así como co profesor da USC Antonio Rial, que asinou o estudo da Universidade sobre as condutas relacionadas co xogo en Galicia.
Prevención
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, interveu o debate parlamentario co que, dixo, o PSdeG provocou que o goberno galego reactivara “arrastrado” unha norma que levaba paralizada os últimos 6 anos. Dixo que “o goberno galego rendeu, axeonllou e trae unha Lei que non quería, que estaba bloqueada por problemas dos que non sabían como saír”.
Torrado explicou as principais medidas incluídas neste texto que vén cubrir unha “deslei” nunha materia regulada en 2022 por unha norma que se remonta a 1985, defendeu unha norma que propón que a Xunta destine á prevención a recadación íntegra en sancións ás entidades de xogo, así como o 1 por cento do que recibe a Xunta en concepto de taxas do xogo. Lembrou que no ano 2019, antes da pandemia, Galicia recadou un total de 61 millóns de euros por este concepto.
A proposta do Grupo Socialista inclúe a prohibición dos caixeiros automáticos no interior dos locais de apostas, e dixo que “non pode ser que permitamos que funcionen con alegría entidades de crédito rápido, que son usura, en torno aos salóns de xogo, nin que permitamos o pago con tarxeta”. Avogou por fixar distancias aos colexios e entre estas instalacións, xa que “se limitamos a distancia entre as farmacias, que nos curan, por que non o vamos facer cos salóns de xogo”.
Reivindicou ademais que a Lei faculte aos concellos para establecer limitacións á implantación de casas de apostas, e puxo como exemplo as protestas de 2019 pola instalación dunha destas casas de apostas a carón dunha escola, que o concello non puido impedir porque “estaría prevaricando”. Tamén limitan a instalación de máquinas de apostas na hostalería, para evitar “casas de apostas encubertas”.
Tamén reclaman a solicitude de DNI electrónico para xogar, evitando que “nunca xoguen menores nin autoprohibidos”, persoas en rehabilitación que non poden xogar para non recaer na ludopatía, e sinalou que “non debemos de trasladarlle o problema aos hostaleiros, que non son os responsables de facer cumprir unha norma”.