O secretario xeral do PSdeG trasladou a proposta de introducir o criterio de despoboamento con máis peso no reparto dos fondos estruturais
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reuniuse hoxe coa comisaria europea de Cohesión e Reformas, a portuguesa Elisa Ferreira, coa que compartiu a necesidade de impulsar a conexión de alta velocidade entre Vigo e Oporto. Na mesma xornada tamén mantivo un encontro co comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevičius, ao que transmitiu o rexeitamento do sector pesqueiro galego ás restricións ao arrastre de fondo.
Durante unha maratoniana viaxe polas institucións europeas, o líder dos socialistas galegos mantivo un encontro dunha hora coa comisaria europea de Cohesión na que falaron das conexións entre Galicia e Portugal e das claves de reparto dos fondos de cohesión. De seguido, reuniuse co comisario de Pesca, que abriu a porta s revisar no futuro o veto ao arrastre de fondo nalgúns caladoiros.
Con Elisa Ferreira, Formoso compartiu a necesidade de impulsar as grandes infraestruturas entre Galicia e Portugal, de forma especial a liña de alta velocidade Vigo-Oporto. No encontro “produtivo e interesante” a mandataria europea recalcou a saída natural que significa o territorio galego para o norte de Portugal.
Formoso acudiu á reunión con Ferreira acompañado do eurodiputado galego, Nicolás González Casares, e trasladáronlle a necesidade de incorporar o despoboamento, que asola gravemente Galicia, como criterio no reparto dos fondos europeos. Actualmente, este faise basicamente pola renda dispoñible nos territorios, polo que o líder socialista pediu que se incorporen tamén con máis peso os criterios de despoboamento para non “desaproveitar a oportunidade” que estes fondos ofrecen a toda Europa.
Sinalou que a loita contra o despoboamento é un aspecto de especial relevancia no futuro de territorios como Galicia, que perdeu 130.000 habitantes nos últimos 14 anos, e ten consecuencias medioambientais drásticas como os incendios, polo que ten que ser un eixo principal das políticas de UE.
Así, o dirixente socialista afondou na necesidade de que estes fondos axuden a garantir os servizos mínimos para a subsistencia no rural, para que as persoas máis mozas non se vexan obrigadas a marchar dos seus pobos ou non poidan mudarse a zonas que precisan de xente nova pola falta de oportunidade e de cobertura, resumiu o que isto significa para o territorio en que “un país sen xente é un país sen futuro”.
Finalizou a reunión coa invitación formal a Ferreira para visitar Galicia co fin de coñecer de primeira man as políticas de transición enerxética nos municipios máis afectados pola descarbonización, As Pontes e Cerceda, onde os socialistas esperan que se constrúa unha nova industria verde que manteña os postos de traballo da xente.
ACOMPAÑADO POR GONZÁLEZ CASARES
O eurodiputado galego destacou na reunión coa comisaria Elisa Ferreira o compromiso da mesma de visitar Galicia para coñecer de primeira man as políticas de transición ecolóxica. Destacou o acordo de Formoso e a mandataria portuguesa na relevancia para o norte de Portugal e para Galicia de mellorar as súas conexións.