O líder do PSdeG acusa a Rueda de “equivocarse de país” co recurso contra imposto ás grandes fortunas e critica que queiran volver a unha sanidade na que haxa “que levarlle os raxos ao médico”
Presenta aos candidatos da comarca de Bergantiños, aos que lle pide que den o mellor de si para acabar co caciquismo que sofren moitas das súas vilas
25 de marzo de 2023. O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, chamou este sábado a rebelarse contra as decisións do goberno galego do PP que intentan “rachar co principio de solidariedade” e deixar de lado aos que menos teñen. Refiriuse ao recurso da Xunta contra o imposto ás grandes fortunas para acusar a Rueda de “equivocarse de país” por replicar en Galicia decisións pensadas para defender aos señoritos andaluces.
Na presentación das candidaturas da comarca de Bergantiños, realizada na vila de Coristanco, Formoso fixo unha severa crítica ao recurso anunciado por Rueda contra o imposto ás grandes fortunas. Fixo extensiva a todo o modelo político do PP esta idea da “defensa dos que máis teñen, en detrimento dos que menos teñen”.
O principal dirixente dos socialistas galegos acusou a Rueda de ir “contra a historia de Galicia”, caracterizada polo “principio de solidariedade” onde “nunca ninguén deixou de botar unha man cando fai falla”. Denuncia que o presidente da Xunta “equivócase ao facer seguidismo de Ayuso e Moreno Bonilla e actuar en favor dos millonarios. “Equivócase de país, isto non é Andalucía, aquí non hai señoritos andaluces; para buscar unha gran fortuna non hai que ir á feira de abril, senón á feira de Paiosaco”.
Sen embargo, considera que existe unha opción de goberno, elixida pola maioría de galegos e galegas nas súas vilas hai catro anos, que pasa por gobernar de maneira diferente, defendendo as ideas nas que cren, pero mirando para a xente.
Formoso reivindica os proxectos socialistas baseados na “igualdade de oportunidades, xustiza social, promoción do emprego e protección social”. Levando así o progreso onde gobernan, peor alerta de que “non podemos baixar a garda”, porque en fronte está un PP que “quere volver unha Galicia en branco e negro de hai 50 anos, onde había que empeñar unha vaca ou levarlle os raxos ao médico” para ter atención sanitaria.
Deu unha importancia maior a estas eleccións municipais que non ve como “unha carreira electoral para colocar máis bandeiras vermellas ou azuis”, senón que son 313 oportunidades para seguir “construíndo o país”. Para acadar o maior número de concelleiros só ve unha fórmula, que é “o modelo de xestión onde somos a primeira referencia para a xente, a política máis próxima e real”.
REMATAR CO CACIQUISMO NA COMARCA
En clave local, Formoso emprazou aos seus candidatos a arremangarse seguindo o modelo de xestión nunha comarca onde ten “moitas esperanzas” depositadas para “rematar co caciquismo” que sofre. Insistiu en que a súa veciñanza precisa do mellor do PSdeG para progresar do mesmo xeito que o está facendo a súa comarca veciña da Costa da Morte onde hai maioría de gobernos socialistas.
Formoso acudiu a apoiar, acompañado de Bernardo Fernández Piñeiro, secretario provincial da Coruña, aos candidatos á alcaldía de Laxe, Francisco Vidal, de Cabana, Juan Ramón Varela, de Malpica, Walter Pardo, da Laracha, Palomi Rodríguez, de Ponteceso, Lois García Carballido, de Carballo, Mari Carmen Vila, e o anfitrión de Coristanco, José Manuel Pérez Abelenda.