O secretario xeral do PSdeG destaca que hoxe é “un gran día” polo apoio maioritario que anticipa da militancia á configuración dun goberno progresista de Pedro Sánchez
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, acusou hoxe ao PP de “volver ao faiado a buscar a máquina dos bulos” para tratar de impedir a configuración dun goberno de progreso que permita que o país siga avanzando. Así o dixo en Cerceda antes de participar na homenaxe ao ex alcalde socialista, José García Liñares, no día da consulta á militancia sobre o acordo para o futuro Executivo.
Formoso acusou ao PP de empregar falsidades para atacar ao acordo de investidura de Pedro Sánchez, como a que empregou Alfonso Rueda esta mesma semana para asegurar que a Cataluña se lle ía condonar unha débeda de 450.000 euros “que non teñen”. Explicou que o que pacta o goberno de España é unha fórmula coa que “todos os territorios acadan un mecanismo de solidariedade interterritorial”.
Dixo que o acordo “chámase tender pontes con tódolos territorios” cunha solución “onde os asturianos van axudar a pagar a débeda dos galegos, os galegos axudan a pagar a dos estremeños, estes a dos cataláns, que axudarán a pagar a débeda dos vascos”.
Criticou que o PP empregue a mesma estratexia de falsidades que empregaran no seu momento para dicir que Zapatero acabaría coa unidade de España ou que ía vender Navarra cando acabara co terrorismo de ETA. Os mesmos bulos, dixo, “que lle valeron a Aznar para incorporarnos a unha guerra” ou para “intentar agochar ao responsable do maior atentado da historia do país”.
Consulta a la militancia
O secretario xeral do PSdeG salientou a importancia da xornada de consulta á militancia na que se amosou “convencido de que os milleiros de afiliados e afiliadas socialistas en Galicia van refrendar co seu apoio a investidura dun presidente do PSOE en Madrid”.
Trasladou que “confiamos claramente neste escenario de apoio ao goberno de España” de progreso que “vele polos intereses dos pensionistas de España” e evite a conxelación das pensións cun goberno encabezado por Feijóo.
Reivindicou un Executivo liderado por Pedro Sánchez para que en Galicia “non se vexan paralizadas as infraestruturas” como no seu día Rajoy paralizou a chegada do AVE, e que garanta a protección dos traballadores, e que “non volvan sufrir unha reforma laboral que lastre as indemnizacións”.