Sinala que “non sabemos onde está” o 58 por cento da recadación do combustible que é transferida á Xunta, que non fai “ningún esforzo de aliviar a carga da poboación galega”
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, lamentou hoxe en Nigrán o “cinismo fiscal de Feijóo nun momento crítico para Galicia”. O líder dos socialistas galegos criticou a falla de iniciativa de Feijóo para axudar aos galegos e galegas, actuando como “o alumno preguiceiro que pon deberes fóra de Galicia, pero non adopta ningunha medida contundente no seu territorio”.
Formoso viaxou hoxe ata Nigrán, onde lembrou a proposta para que a Xunta rebaixe as peaxes de titularidade autonómica, reclamándolle coherencia coas peticións que lle fai o propio Feijóo ao goberno central. O responsable socialista estivo acompañado de representantes políticos e institucionais dos socialistas galegos, como o secretario provincial, David Regades, ou os alcaldes de Nigrán, Baiona e Gondomar.
Sinalou que a Xunta pediulle ao goberno de España que habilite axudas aos sectores prexudicados pola suba da alza do gasóleo e dos combustibles, o que “se fixo” por parte do Executivo. Sen embargo, dixo, “estamos agardando que a Xunta adopte algunha medida neste senso e habilite axudas cos fondos que está a recibir polo imposto especial de hidrocarburos para os sectores afectados e a poboación en xeral.
Puntualizou que o goberno central si que rebaixou a fiscalidade do IVE eléctrico ou do gasóleo, pero “estamos agardando pola rebaixa dos impostos que teñen que ver co eido autonómico”.
Valentín González Formoso explicou “non sabemos onde están” os cartos correspondentes ao 58 por cento da recadación do imposto de hidrocarburos que é transferida a Galicia.
Subliñou que “non somos tan irresponsables” como para “dicir que o goberno de Galicia se forra”, en alusión á desafortunada recente declaración do presidente da Xunta, pero “si que é certo que a Xunta non fai ningún esforzo para aliviar a carga que está a sufrir a poboación galega pola inflación e a carestía dos combustibles”.