O secretario xeral do PSdeG intervén na presentación da candidatura socialista ferrolá xunto á alcaldesa de Lugo ou o Delegado do Goberno
Mato sinala que o 28 de maio é o momento de “deixar atrás un vello modelo de cidade” e que se mire porque teña “continuidade” o seu goberno que busca avanzar para que “gañe Ferrol”
2 de maio de 2023. O secretario xeral do PSdeG, Valentín G. Formoso, interviu este martes no acto de presentación da candidatura socialista á alcaldía de Ferrol, encabezada polo actual rexedor Ángel Mato, a quen avalou como a persoa que “garantirá o emprego” na cidade durante os vindeiros quince anos grazas aos acordos de construción das fragatas propiciado polo goberno de Pedro Sánchez.
Os socialistas de Ferrol déronse cita nun evento que presentaba ante a cidadanía a lista que concorrerá ás vindeiras eleccións municipais do 28 de maio coa intención de revalidar o goberno ao que chegaron no ano 2019, tras oito anos sen ostentar a alcaldía.
Xunto a Formoso e o propio Ángel Mato, no acto tamén interviron Natividad González Laso, deputada no Congreso, Bernardo Fernández Piñeiro, secretario provincial do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, Delegado do Goberno en Galicia e Lara Méndez, vicesecretaria xeral do PSdeG e alcaldesa de Lugo.
Na súa intervención, Formoso destacou a Mato como a “representación da honradez”, un home que “coñece de primeira man a importancia da política local, próxima aos problemas da cidadanía”. Así como que traballa para que “Ferrol recupere o lugar que merece” como referente da súa comarca.
Tamén apuntou que Mato “representa o logro de ter conseguido crear traballo para a cidade para os próximos quince anos”, da man do goberno de España coa construción das cinco fragatas F-110, contando cun investimento de 4.325 millóns de euros que xerarán 9.000 empregos directos e indirectos.
O número un dos socialistas galegos tamén tivo unhas verbas para eloxiar a súa capacidade para “despexar o convenio que levaba trinta ano bloqueado” co Ministerio de Defensa para “abrir a cidade ao mar” e ter espazos de lecer para a cidadanía.
“QUE GAÑE FERROL”
Pola súa banda, Ángel Mato puxo o 28 de maio como unha data referencia na que “decidimos se desterramos dunha vez por todas o vello modelo de Ferrol que só mira ao pasado, deixa pasar todas as oportunidades que se lle presentan e permite que a cidade quede atrás mentres o resto avanzan”.
En contraposición ofreceu o seu modelo que se caracteriza por camiñar cara “un Ferrol moderno, que recupere poboación, onde se poida estudar, vivir e traballar”, un proxecto que, asegura, “vai a ter continuidade”. En definitiva, considera que nestes comicios os ferroláns e ferrolás “temos que decidir se queremos que gañe Ferrol”, alegou Mato.
O alcalde e candidato á reelección destacou o “novo barrio” que se construirá en Sánchez Aguilera, contando con todos os servizos básicos necesarios. Do mesmo xeito, quixo remarcar os beneficios dos plans do executivo central para a cidade, sobre todo coas novas vivendas que se construíran en territorio de Defensa e que el quere tutelar dende o goberno local.
Finalizou a súa intervención expoñendo o seu ideal do que debe ser un mandatario a nivel local, xa que Mato cre que “para ser alcalde hai que ter en conta unha soa cousa: o primeiro é a xente. Un alcalde non pode ser un contable cunha calculadora nunha man e unha tesoira na outra”, dixo nunha referencia ás políticas de recortes dos populares.