O secretario xeral do PSdeG insiste en que están a só 500 votos de arrebatarlle ao PP un escano “clave para a formación do goberno” e “que gañe a verdade”
Os socialistas galegos pechan a campaña en Ourense con Formoso xunto a Abel Caballero e os candidatos ao Congreso e ao Senado, Marga Martín, Noela Blanco e Rafael Villarino
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, pechou a campaña en Ourense apelando novamente a realizar un voto útil ”con ilusión e esperanza” para culminar “a remontada” e seguir construíndo “un país de dereitos e liberdades.
Nun mitin celebrado este venres en Ourense, os socialistas galegos saíron á rúa para pedir o voto por última vez nesta campaña antes das eleccións do domingo. O encontro contou coa intervención de Abel Caballero, alcalde de Vigo, así como as candidatas ourensás ao Congreso, Marga Martín e Noela Blanco, e o candidato ao Senado, Rafael Villarino, ademais do xa mencionado Formoso.
A praza elixida polos socialistas para facer o seu acto central no último día de campaña non é casual, xa que aseguran que están a tan só 500 votos de arrebatar un escano ao PP na provincia de Ourense. Por elo, apelan a concentrar o voto no PSOE, pero non de simple maneira utilitarista, senón para “para mirar ao futuro con ilusión e esperanza, coa seguridade de que haberá un goberno que protexa o público, o de todos”, alegou Formoso.
O ÚNICO VOTO PARA FREAR Á DEREITA
“Hai que dicilo con respecto aos votantes e ao resto de opcións política, pero sen complexos: votar a Sumar ou ao BNG en Ourense ou Lugo é axudar a que Feijóo sexa presidente e Abascal vicepresidente”, asegurou o dirixente socialista. Tamén advertiu dos riscos para a provincia da chegada dun goberno de dereita que “ameaza as pensións públicas” e que “agrava o despoboamento privando ao rural dos servizos públicos que necesita”, alegou.
Formoso deu unha especial “relevancia histórica” a estes comicios, polo que anima á cidadanía a “dar unha lección do que significa a democracia a quen non cren nela”, especialmente nunha provincia dixo “atacada polas peores praxes antidemocrática e caciquís do PP de Baltar, que tamén é o PP de Feijóo”. Asegura que os socialistas son os únicos que están en disposición de “arrebatarlle un escano clave para a formación de goberno á dereita nesta provincia”.
Tamén criticou os días “horribilis” cos que pechan a campaña os populares, onde para el “Feijóo amosou a súa verdadeira cara: a da mentira, a do machismo e a de servir aos poderosos”. Así mesmo, reprochou a “hipocrisía” dos populares por criticar os pactos do PSOE con Bildu “para facer leis de progreso”, mentres o PP pacta con eles en Vitoria “para repartirse cargos”.
CARGADOS DE ENERXÍA
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, o primeiro en tomar a palabra, amosou a súa ledicia por poder estar en Ourense participando nun peche de campaña dunhas eleccións que considerou de “vital importancia” e que deciden o “modelo de pais que queremos para os vindeiros anos”. O rexedor da cidade olívica aproveitou para pedir o voto para Pedro Sánchez, “co obxectivo de avanzar e evitar un goberno de Feijóo co que perderemos en investimentos, infraestruturas, dereitos e liberdades”.
Marga Martín, cabeza de lista ao Congreso por Ourense, subliñou en que o domingo “xogámonos avanzar ou retroceder” e neste senso puxo de exemplo que nos últimos anos “nunca houbo tantas oportunidades de traballar como ata agora, nunca as pensións foron tan xustas, nunca crecemos máis que Europa, nunca tivemos a inflación máis baixa, nin o salario mínimo interprofesional máis alto da historia”.
A candidata ao Congreso dos Deputados, Noela Blanco, fixo fincapé este domingo “temos que escoller entre dous camiños, un no que se constrúe e outro no que se derruba, un no que se gaña en dereitos e outro no que desaparecen, un para vivir con desconfianza e medo e outro con fe nas institucións”.
O cabeza de lista ao Senado, Rafael Villarino, apuntou que “estamos cargados de enerxía para loitar coas mellores ferramentas contra as manipulacións, mentiras e maldades das dereitas, que terán tan pouco éxito como achegas a unha sociedade que quere seguir adiante e que o domingo vai encher as urnas de votos ao PSOE”.