O líder dos socialistas galegos participa no Comité Federal que aproba as listas electorais do PSdeG “que significan unha aposta ilusionante por Galicia” para repetir “os mellores resultados de 2019”
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, dixo hoxe en Madrid que os socialistas galegos afrontarán as eleccións municipais de maio “cunha campaña como é Galicia: limpa e centrada nos valores da honestidade e da honradez”. Formoso presentou unha alternativa “afastada do que lanza algunha baronesa o PP, que incita a matar á oposición”.
O responsable socialista aludiu así á mensaxe enviada pola presidenta do PP de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, que antes da sesión plenaria da Asemblea de Madrid desta semana incitara aos deputados do PP cun matadlos, en alusión á oposición progresista. Formoso fixo estas declaracións á entrada da sede do PSOE, en Ferraz, onde participou no Comité Federal que aprobou as listas ás próximas eleccións municipais.
Sinalou que “non vamos xogar nunca a iso”, senón que a opción socialista céntrase en “convencer á cidadanía galega”, e por iso, explicou, “no eido máis achegado á cidadanía”, que son os concellos, os socialistas galegos foron a formación que obtivo “os mellores resultados” nos pasados comicios municipais.
Un resultado, dixo, que “volverá ocorrer no 2023, porque nos identificamos cos valores da sociedade galega”, Dixo logo de apuntar que as listas electorais aprobadas hoxe no Comité Federal “significan unha aposta ilusionante por Galicia”. Hoxe foron aprobadas por aclamación as listas das cidades de máis de 50.000 habitantes, que onte foran apoiadas por unanimidade na Comisión de Listas da que forma parte o secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage.
Inés Rey preside el Comité Federal
Formoso encabezou a delegación galega do PSdeG, conformada por secretarios provinciais como Bernardo Fernández -A Coruña-, David Regades -Pontevedra-, e José Tomé -Lugo-, nunha sesión na que o PSOE designou á alcaldesa da Coruña, Inés Rey, como presidenta do Comité Federal en ausencia de Milagros Tolón, a alcaldesa de Toledo.
Na súa intervención Rey tamén aludiu á mensaxe de Ayuso para sinalar que “o que sobra nesta sociedade son as mensaxes de odio (…) que intenten destruír os piares da nosa convivencia”.
Ademais do secretario xeral do PSdeG e do secretario de Organización, tamén participaron o alcalde de Vigo, Abel Caballero, ou a presidenta da Deputación de Pontevedra e presidenta do PSdeG, Carmela Silva. Ademais, participaron deputados e senadores como César Mogo, Adolfo Pérez Abellás ou Marina Ortega, e representantes locais como a secretaria xeral de Ourense, Natalia González Beneitez.