O líder do PSdeG reivindica unha campaña “de ilusión” para mobilizar ao electorado progresista porque “este país non se construír asumindo derrotas nin este partido asumindo escenarios negativos”
Sinala que os socialistas galegos “temos a obriga” de presidir a Deputación de Ourense para “abrir” a provincia “ao futuro” logo de décadas “patrimonializada” pola familia Baltar
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, anunciou hoxe a convocatoria de eleccións primarias en setembro para escoller ao próximo secretario xeral. Así o dixo na reunión do Comité Nacional Galego do PSdeG para ofrecer “tempo suficiente para que o compañeiro que se presente poida ilusionar ao partido e explicar o proxecto á militancia e á cidadanía”.
O líder do PSdeG fixo este anuncio “con tempo e sen trampas” para manterse “honrado coa miña propia palabra” porque, dixo, “con coherencia se manteñen as institucións” e para manter un partido “crible para a sociedade galega” a costa dos intereses persoais. O responsable socialista defendeu a democracia interna nun partido no que “cada militante pode poñer un presidente da Xunta e un presidente do goberno”.
Formoso emprazou ao partido a prepararse para as próximas eleccións autonómicas, que serán convocadas “non en función dos intereses xerais de Galicia”, senón en función dos intereses de Rueda e de Feijóo. Así o dixo logo de apuntar que ao presidente galego “lle tremeron as pernas” antes de convocar as eleccións autonómicas para que coincidiran coas xerais do 23 de xullo porque a esquerda está “moi por riba” da dereita en Galicia.
O secretario xeral do PSdeG interveu nun Comité Nacional Galego -o máximo órgano entre congresos- que comezou cun minuto de silencio polo recente pasamento da viguesa Fini Silva e na que fixo balance das recentes eleccións municipais e das inminentes eleccións xerais do 23X.
Emprazou ao partido a “facer autocrítica e revisar as nosas políticas, onde temos fallado e onde temos acertado” nunha convocatoria na que os socialistas galegos obtiveron 420.000 votos, o 30 por cento fronte ao 38 do PP e o 18 do BNG. Dixo que “para nada estamos ledos e satisfeitos, pero tampouco vamos ser catastrofistas” por un resultado que “PP e Rueda subscribirían”.
Sinalou que os socialistas “vamos a ser o partido das 100 alcaldías”, con posibilidade de aumentar o número de gobernos de 2018 grazas ao acordo co BNG, e liderando os gobernos de Vigo, A Coruña ou Lugo, encabezando as deputacións da Coruña e de Lugo e con posibilidades de gobernar na de Ourense, “no aire” pola perda da maioría do PP.
Valentín González Formoso apuntou que “temos a obriga” de presidir esta última Deputación provincial para “abrir Ourense ao futuro” logo de décadas “patrimonializada polos Baltar” e “á marxe dos avances democráticos do país”.
Eleccións xerais
Formoso aplaudiu o adianto das eleccións xerais co que o presidente do goberno tomou “unha decisión valente coa que rompeu a cintura política neste país” para darlle a voz ao pobo de novo logo dunhas municipais nas que “a diferenza non é tan alta” e “vai depender da mobilización do noso electorado”. Chamou a “non dar nada por perdido, porque este país non se construíu asumindo derrotas nin este partido asumindo escenarios negativos”.
Emprazou aos socialistas galegos a saír a competir “coa ilusión de conectar coa sociedade”, sen dar “nada por perdido” e desterrando o derrotismo: “quen sexa derrotista sabe onde está a porta”, remachou. Advertiu do risco de que “outro home de negro” presida a Moncloa, antes de lembrar os recortes impostos por Mariano Rajoy en educación, sanidade, vivenda, prestacións ao desemprego ou pensións.
Alertou de que quedo máis contento do resultado das eleccións municipais foron os empresarios, que agardan “como auga de maio que chegue o capital á Moncloa” na persoa dun Feijóo que “nunca será gardián dos intereses dos traballadores e das traballadoras”.
Sinalou que o partido afronta as eleccións coa aspiración de gobernar en solitario logo de demostrar que integra a “columna vertebral” do país, logo de catro anos de “difícil cogoberno” cun socio que demostrou “prepotencia” e que puxo as liortas internas “por riba do interese social”, e por iso foi duramente castigado nas pasadas eleccións.