O líder do PSdeG asume o reto persoal de garantir a materialización dos proxectos industrias esbozados na localidade que suporán investimentos de 1.400 millóns de euros
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, anunciou este venres a súa candidatura para revalidar a alcaldía da súa vila, recalcando que “comprometerme co futuro industrial das Pontes é comprometerme con Galicia”.
Ofreceu unha rolda de prensa na súa vila natal, caracterizada por ser o complexo eléctrico galego por excelencia que actualmente está inmerso nun proceso de transformación industrial, co peche anunciado da central térmica do que depende toda a súa actividade económica e con novos proxectos enfocados na transición enerxética que Formoso quere supervisar persoalmente para que cheguen a bo término.
O número un dos socialistas galegos é consciente do importante “esforzo persoal e familiar que isto vai supor”, pero subliña que “non é maior que o actual”, xa que leva máis de un ano compaxinando o seu porto orgánico como secretario xeral do PSdeG, coa alcaldía das Pontes e a presidencia da Deputación da Coruña.
Subliñou que esta decisión é o modo de reiterar o seu “compromiso persoal con Galicia” que fixo hai un ano coas bases do seu partido e “con toda a sociedade galega”.
Formoso entende que no momento de “crise industrial” que está atravesando Galicia, é máis necesario que nunca que cheguen a bo porto os proxectos que se levarán a cabo na súa vila nos vindeiros anos e que “están sobre o papel, pero non son unha realidade”. Estamos a falar de “1.400 millóns de investimento e milleiros de postos de traballo directos e indirectos” esenciais para o sustento industrial de toda a comunidade autónoma.
“Froito de esta situación” de crise industrial e necesaria transición enerxética, insiste, “houbo que mobilizar ilusión e recursos para captar proxectos substitutivos desta realidade industrial e enerxética para Galicia. “Hai enriba da mesa proxectos estratéxicos para a nosa comunidade, dende As Pontes para Galicia” alega.
Quere seguir sendo alcalde para que As Pontes de García Rodríguez siga sendo a “referencia galega” en enerxía, especialmente ante a importancia deste asunto nos últimos anos no que se converteu no “gran cabalo de batalla da economía mundial”.
SECTOR ENERXÉTICO E DO AUTOMÓBIL
Algúns deste proxectos que están en distintas fases de avance e precisan que “poñamos toda a carne no asador” destacou a planta de xeración de hidróxeno verde que funcionará as 24 horas e os 365 días do ano para curtir a todo o tecido industrial galego, con 100 millóns de investimento. Tamén a fábrica de papel tisú “demandada dende os anos 90” con 330 millóns de investimento e 400 postos de traballo directos.
Tamén remarcou que o sector automobilístico ten moito que xogarse na vila coruñesa, xa que o proxecto ada fábrica de pneumáticos de Sentury Tire, con 430 millóns de investimento e 1.156 postos directos entre a primeira e a segunda fase, é decisivo para o sustento deste sector en Galicia.
Así como a planta de creación de amoníaco verde que está pendente, con 240 millóns de investimento na vila e decisivo para o sector do transporte ao ser o “combustible do futuro” para substituír aos actuais contaminantes derivados do petróleo.
Formoso cre que destes proxectos depende “a viabilidade do futuro industrial do país”, polo que asegurar que cheguen a bo término é “a mellor maneira de reafirmar o meu compromiso con Galicia” e agarda que así o entenda a cidadanía.