Considera que o BNG “perdeu unha gran oportunidade” para condenar o ataque terrorista de Hamás nas resolucións do Debate sobre o Estado da Autonomía
Vilalba, 11 de outubro de 2023. O secretario xeral do PSdeG, Valentín G. Formoso, animou este mércores a toda a militancia a participar no “ilusionante” proceso de primarias “no que o militante escolle quen será o presidente da Xunta”.
O líder dos socialistas galegos fixo estas declaracións dende o Concello de Vilalba, onde participou como convidado na toma de posesión da socialista Marta Rouco como nova alcaldesa da vila luguesa, á que lle trasladou os seus parabéns e todo o apoio do partido.
A preguntas dos xornalistas, e unha vez que se coñecen os precandidatos definitivos ás eleccións primarias para elixir o candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, lamentou que o PSOE sexa o único gran partido en España que emprega este modelo de elección “baseado no principio de soberanía popular”.
“Non hai dedazo, escolle o militante”, resaltou de seguido. E dixo estar seguro de que “cantos máis compañeiros participen, maior será a festa da democracia”, así como que “será un proceso limpo e ilusionante que servirá de catapulta do que vai a ser o candidato dun partido que aspira a volver a darlle moral a Galicia nas próximas eleccións autonómicas”.
Manuel Losada, José Ramón Gómez Besteiro e Gonzalo Caballero son os tres militantes que optarán a ser o candidato socialista á presidencia da Xunta logo do peche do prazo para a presentación de precandidaturas.
CONDENA DE HAMÁS
Tamén reaccionou ante a votación da mañá deste mércores no Parlamento na que o BNG non votou en ningún sentido ante unha resolución do Debate do Estado da Autonomía presentada polos onde se pedía condenar o terrorismo de Hamás e manter as vías de axuda humanitaria ao pobo Palestino. Seguindo así as liñas marcadas polo partido que sempre se mostrou en contra da violencia contra a poboación civil, independentemente do país de nacemento.
“Foi unha perda de oportunidade do BNG de parecerse a Galicia”, destacou un Formoso que entende que os galegos están sempre “sen ambaxes contra o terrorismo”. Cualificou rotundamente como “terrorismo” as accións de Hamás “que levan xerado moitas vítimas, entre elas nenos” e reiterou que estamos ante unha oportunidade perdida dun partido como o BNG que “está chamado a participar nun goberno de progreso e que hoxe afástase do que é Galicia en realidade”, concluíu.