Advirte que os socialistas “non imos pasar polo aro” e defender a liberdade na creación cultural fronte aos vetos ideolóxicos dos reaccionarios
José Miñones sinala que “estamos para defender á cultura e dicirlle non á censura”
O líder dos socialistas galegos e os candidatos do PSOE ao Congreso e o Senado manteñen un encontro en Santiago con representantes da cultura galega
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, advertiu hoxe que o programa da ultradereita que está a asumir o PP supón “unha ameaza máis viva ca nunca” para a cultura galega. Así o dixo nun encontro con representantes da cultura galega, no que participaron os candidatos socialistas ao Congreso e ao Senado, onde reivindicaron ao sector cultural e á lingua galega fronte á censura que están a impoñer os gobernos de PP e Vox.
O líder dos socialistas galegos chamou a defender a liberdade na creación cultural fronte aos vetos ideolóxicos dos reaccionarios”, e advertiu que os socialistas “non imos pasar polo aro”, porque, resumiu, “non hai liberdade sen cultura nin hai cultura sen liberdade”.
Alertou fronte á ameaza contra a lingua galega por dúas formacións que están a desmontar as oficinas e políticas de formación lingüística naquelas autonomías con lingua cooficial. Advertiu que o galego “está en perigo diariamente”, e anunciou a oposición frontal dos socialistas galegos a calquera paso atrás na súa defensa.
Formoso emprazou á sociedade galega a que “reaccione” nas próximas eleccións do 23X fronte a esta ameaza que “está máis viva que nunca” pola “UTE de PP e Vox”. Advertiu que os acordos de goberno dos dous partidos conservadores “significarían en Galicia que Celso Emilio Ferreiro non podería existir, nin tampouco os poemas de Rosalía”, que estarían “vetados”.
Condenou o “ataque á identidade cultural dos pobos e á liberdade cultural das persoas”, como teñen demostrado na cancelación de obras de teatro e mostras de expresión cultural en toda España polo “veto ideolóxico intrínseco” como consecuencia dos acordos de goberno da dereita.
Formoso chamou á mobilización no 23X para tomar a “decisión máis importante da historia política”, e animou aos galegos e galegas a “darlle unha estocada” a Feijóo e á UTE con Vox que lidera e que defende “políticas que nos afunden no antieuropeísmo máis reaccionario”.
Miñones
O cabeza de lista por A Coruña e ministro de Sanidade, José Miñones, resumiu que “estamos para defender á cultura e dicir non á censura”, e reivindicou a acción de goberno en defensa do sector. Apuntou ao estatuto do artista, ao investimento continuo no mundo da cultura a través do kit dixital, o apoio ao cinema e o audiovisual a través do Plan de Recuperación, así como o bono cultural para mozos e mozas.
Do outro lado situou a un candidato do PP que “non sabe” que 1984 é o título dunha das obras mais importantes de George Orwell e cre que é o ano da súa publicación, como demostrou nunha recente entrevista. Precisamente, explicou, unha distopía que “fala da censura á cultura, da desigualdade, da falla de diálogo e da imposición do pensamento único e do autoristarismo no que algún está instaurado”.
O cabeza de lista ao Senado, Xosé Sánchez Bugallo, advertiu do “resultado incerto” das eleccións, pero que a única posibilidade dun goberno conservador é un acordo PP – Vox. Explicou que Feijóo ten demostrado que está disposto a chegar a ser presidente “ao prezo que sexa”, e o resto dos cidadáns “temos que decidir se estamos ou non dispostos a pagar ese prezo, e nós non estamos dispostos”.
Lembrou a dobre cara do PP, que tardou 7 días en pasar por enriba dos “sólidos principios” que lle impedían acordar con Vox no goberno de Estremadura. Mentres á extrema dereita, engadiu, “hai que recoñecerlle que quita a careta e indica con claridade que quere acabar coas autonomías, acabar con determinado tipo de cultura e con determinados dereitos civís”.