O secretario xeral do PSdeG amosa a satisfacción no partido pola rehabilitación de Besteiro ao que “perseguiron inxustamente durante demasiado tempo”
29 de marzo de 2023. O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, declarou este mércores que no PSdeG están “de celebración” pola rehabilitación política de Besteiro e o nomeamento de Miñones como Ministro de Sanidade, que aumenta o peso dos galegos no goberno.
En declaracións aos medios tras o IV Encontro de Coordinaación da Rede Provincial da Coruña, onde acudiu como presidente da Deputación, Formoso explicitou a ledicia compartido por todo o seu partido tralo nomeamento como delegado do goberno en Galicia de José Ramón Gómez Besteiro, co que volve á primeira liña política.
Formoso sinalou que “estamos de celebración política e persoal” coa volta dun “compañeiro, amigo e magnífico político que estivo perseguido xudicialmente de forma inxusta durante demasiado tempo”, nun proceso no que “sustraeron a vontade popular”. Por todo isto, a volta de Besteiro é un “motivo de alegría para a sociedade galega e sobre todo o PSdeG”.
Tamén expresou que a “celebración” do Partido Socialista de Galicia polo nomeamento de José Miñones ao fronte de Sanidade, xa que “un compañeiro da dirección nacional ten o orgullo de formar parte do goberno de España”, algo que agradeceu tamén ao presidente Pedro Sánchez.
Ademais, isto fai que o seu partido “pese máis” dentro do goberno de España. Un “avance no peso de Galicia” dentro do executivo que considera que “facía falla” e é “de xustiza”. Argumentou isto debido á forza municipal do PSdeG, gobernando a máis da metade da poboación galega e tres das catro deputacións, ademais de aportar bastantes deputados e senadores.