O secretario xeral do PSdeG lémbralle á conselleira de Igualdade que foi o PP o que recorreu ante a Xustiza avances como a Lei de Igualdade, o matrimonio homosexual ou a lei do aborto
O líder do PSdeG, Valentín González Formoso, dixo hoxe que “tódalas mulleres de Galicia están pensando que a conselleira -de Igualdade- tivo un moi mal día”. Replicou así á entrevista feita onte nun medio de comunicación na que a conselleira sinalou que o goberno de España era “peor” para a igualdade que a coalición PP – Vox.
O responsable socialista advertiu de que a conselleira “está confundida de partido”, pois ela forma parte do mesmo PP que recorreu a Lei de Igualdade efectiva entre homes e mulleres, así como a Lei que permite o matrimonio entre as persoas do mesmo sexo. O mesmo partido, lembrou, que foi o que acudiu ao Tribunal Constitucional para intentar frear a Lei de interrupción voluntaria do embarazo, que “é unha expresión europea de liberdade da muller a decidir”.
Dixo que a “referencia política e social” da loita polos dereitos das mulleres é precisamente o PSOE, polo que sinalou que “calquera persoa” que queira defender estes dereitos “sabe que só ten unha casa”, que ademais está “aberta a calquera militante” e “calquera persoa” que queira incorporarse”.
Sobre a decisión de compatibilizar a candidatura á alcaldía de As Pontes coa dirección do PSdeG, apuntou que “seguiremos facendo o que estabamos a facer, que é compatibilizar as distintas esferas de traballo, con equipas moi potentes e cun esforzo persoal moi importante”.