Alerta da “visión política absolutamente errónea” do goberno galego, que “aposta unicamente polo Camiño de Santiago” mentres bloquea proxectos industriais básicos de enerxía verde
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, sinalou hoxe que a negativa da Xunta -apoiada polo BNG- a axilizar a tramitación medioambiental de parques eólicos aberta pola UE afasta a Galicia do obxectivo comunitario de situar o sector industrial no 20 por cento do PIB en 2030. Así o dixo na súa intervención na xornada Zona Franca de Vigo, Obxectivos Estratéxicos, que tivo lugar na Confederación de Empresarios de A Coruña.
O responsable socialista aludiu á iniciativa presentada esta semana polo PP no Pleno do Parlamento, que foi apoiada polo BNG, “en contra de que se reduza a carga burocrática” nos proxectos de enerxías renovables. Esta postura, explicou, é contraria precisamente ás novas directrices da UE, que “probablemente sexa o foro máis medioambientalista a nivel mundial”.
Instou ao goberno galego a “aproveitar a proposta para reducir a carga burocrática nas tramitacións de parques eólicos de Galicia”. Lembrou que “a rosa dos ventos nos coloca caprichosamente no mellor punto para o aproveitamento actual da eólica e futuro do hidróxeno verde”, o que “vai facer que deixemos de mirar á factura enerxética como un problema de sostibilidade do tecido produtivo galego”.
Explicou que proxectos como o de Alcoa, a planta de metanol verde de Mugardos, as futuras plantas de hidróxeno verde de Reganosa ou de Repsol no Porto Exterior de A Coruña “dependen de que se monten eses parques eólicos”. Reclamou “unha reflexión sobre o que queremos ser neste país no ámbito industrial”, logo de perder 60.000 postos de traballo no sector industrial en 8 anos.
Sinalou ao goberno galego por presentar “tódalas autorizacións e informes negativos” cando Galicia ten o silicio e o cobre que necesita Stellantis, que “leva un tempo con ralentizacións produtivas pola falla de materias primas”.
“Debe de reflexionar se este é o camiño”, dixo, con “decisións que levan a facer populismo” ao intentar “quedar ben con calquera plataforma que se constitúa en calquera punto de Galicia”. Alertou fronte á oposición sistemática contra os parques eólicos sen contemplar “se ese proxecto enerxético aporta valor no país ou non, se é especulativo ou non, ou se leva aparellado un proxecto industrial estratéxico ou non o leva”.
Visión errónea
O responsable socialista alertou da “visión política absolutamente errónea” do goberno galego, que fía toda a súa estratexia económica ao Camiño de Santiago, que “semella poderoso, é un proxecto a protexer por todos e todas, e haino que cultivar, mellorar e coidar”. Sen embargo, “non obviemos que a UE marca para 2030 o obxectivo de que o PIB supoña o 20 por cento do PIB”.
Criticou que o goberno galego vai no sentido contrario ao entorpecer os proxectos de enerxías renovables mentres o Índice de Produción Industrial, que no Estado medra un 2 por cento na primeira metade do ano, en Galicia descende un 7 por cento nese mesmo período, situándose á cola do Estado.
“O sector industrial de Galicia está nunha situación difícil”, sinalou, afrontando a maior suba de tipos dos últimos 28 anos, o escenario da inflación de prezos e a repercusión da guerra de Ucraína no ámbito de prezos.
Emprazou ao goberno galego a escoitar á UE, que está a acelerar a transición enerxética para substituír os combustibles fósiles por renovables, ao que se “suma a necesidade da independencia enerxética de países de orixe convulsa como o gas ruso ou alxerino”.
Valentín González Formoso interveu na xornada organizada hoxe na Confederación de Empresarios de A Coruña, na que tamén participou o delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, e á que asistiron a alcaldesa de A Coruña, Inés Rey, o delegado do Goberno, José Miñones, ademais do presidente do Círculo de Empresarios de Galicia, Manuel Rodríguez, e o presidente da Confederación de Empresarios de A Coruña, Antonio Fontenla.