Sinala que os de Feijóo “apostan novamente polas siglas por riba dos intereses de Galicia” ao rexeitar as axudas ás viaxes no tren Vigo – Coruña e á ampliación das bolsas extraordinarias
O líder dos socialistas galegos denuncia a “política desleal” da Xunta con Redondela ao bloquear as obras da avenida Mendiño e reducindo 4 profesores do IES
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, acusou hoxe ao PP de “darlle as costas aos galegos e as galegas e apostar novamente polas siglas por riba dos intereses de Galicia”. Así o dixo, durante unha visita a Redondela xunto coa alcaldesa, a socialista, Digna Rivas, en alusión ao voto do PP en contra do decreto do Aforro que se debate hoxe no Congreso.
Formoso resumiu graficamente que os de Feijóo “van votar en contra de que un rapaz que traballa en Vigo ou estuda na Coruña poida facer a viaxe en tren de forma gratuíta”.
Lembrou que a norma, que será aprobada presumiblemente a pesares da oposición do PP, “vai permitir que centos de miles de galegos usuarios do segundo eixo ferroviario máis importante do Estado poidan viaxar no seu transporte habitual de forma gratuíta”.
Sinalou que o voto en contra do PP tamén evidencia o seu rexeitamento “dunha norma que o socialismo galego considera francamente importante, como é a ampliación das bolsas extraordinarias de 400 euros a maiores das habituais”. Esta axuda, dixo, “permitirá sufragar o extracuste da alza da vida por culpa da inflación”.
Redondela
Valentín González Formoso denunciou a “deslealdade institucional” da Xunta ao bloquear a mellora da avenida Mendiño, unha vía de comunicación fundamental para o concello de Redondela, en contra do acordo comprometido en 2019. Sinalou que “os veciños e veciñas de Redondela merecen un respecto” e o cumprimento dos acordos “sen mirar as cores políticas” do Concello.
O responsable socialista puxo como exemplo a súa propia experiencia na Deputación de A Coruña, onde sucedeu a un presidente do PP e na que “xamais fun quen de romper un acordo asinado ou apalabrado co alcalde ou alcaldesa dunha corporación anterior”. Reclamoulle á Xunta que incorpore aos orzamentos de 2023 a partida necesaria para facer realidade esta infraestrutura comprometida co Concello.
A “irresponsabilidade” do goberno galego coa localidade, dixo, esténdese á educación pública, logo de coñecer a supresión de 4 mestres no IES Mendiño, “dándolle as costas á realidade dunha vila que está a medrar e incorpora cada vez máis alumnos e alumnas ao centro.
Alcaldesa
A alcaldesa da localidade, Digna Rivas, lembrou que o Concello “fixo os deberes” ao reter o crédito que lle solicitara a Xunta en decembro de 2021, pero “seguimos agardando” pola actuación do Executivo na avenida. Dixo que “non pararei ata conseguir que a rúa estea nas condicións que ten que estar, como en breve estarán a avenida Santa Mariña ou a Picota grazas á Deputación de Pontevedra”.
Asegurou ademais o traballo conxunto coa Anpa do IES Mendiño e a Federación de Anpas para frear a redución de 4 profesores no centro por parte da Consellería de Educación. Sinalou que o trato do goberno galego ao Concello demostra “unha deslealdade institucional que non se pode consentir”.
Tamén estivo presente hoxe o presidente da Anpa, Anxo Lusquiños, que rexeitou esta “medida irresponsable” por parte da Consellería, en contra das necesidades dun centro no que “o debate debera ser de máis profesorado, pero estamos a reclamar que non nos quiten o que tiñamos”.