Alerta da “imposibilidade de acceder ao dereito mínimo de que o teu médico te atenda presencialmente en 24 horas”
O líder dos socialistas galegos sinala que as enquisas electorais constitúen un “acicate para seguir traballando” ao confirmar que os socialistas “somos forza maioritaria practicamente en todas as cidades de Galicia”
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, confirmou hoxe que ten recibido a invitación da xuntanza co presidente da Xunta, que se celebrará “nos próximos días” e á que acudirá con “axenda galega” para tratar o colapso sanitario, a mellora da protección social dos maiores ou o impulso da I+D+i. Así o dixo antes dun encontro en Boiro co alcalde da localidade, o socialista José Ramón Romero, e cargos públicos e orgánicos da comarca.
O responsable socialista sinalou que a prioridade do inminente encontro con Alfonso Rueda será “resolver o colapso sanitario”, que “ten á cidadanía moi preocupada”. Alertou da situación insostible da sanidade pública galega, con esperas de 7 ou 8 meses polas probas médicas, ou con pacientes agardando nos corredores de urxencias dos hospitais galegos.
Valentín González Formoso alertou da “imposibilidade de acceder ao que sempre foi un dereito mínimo, como é que o teu médico te atenda presencialmente en 24 horas”, cando “estamos a ver esperas de 14 ou 15 días” para unha primeira cita en Atención Primaria. Apuntou que tamén porá sobre a mesa “asuntos de país como o desenvolvemento dun modelo económico vencellado á ciencia e á investigación, así como a mellora na protección social dos nosos maiores”.
En definitiva, reivindicou que “necesitamos ter unha axenda galega, o que non impide que tratemos temas de país para compartir co goberno da Xunta de Galicia, como formación política responsable, para levar diante do Estado na defensa dos intereses de Galicia”.
Eleccións municipais
Así o dixo antes dun encontro na Agrupación Socialista de Boiro, que forma parte dun percorrido de encontros preparatorios de cara ás próximas eleccións municipais, nas que o PSdeG “aspira e espera humildemente, co compromiso co país e co apoio da veciñanza, a ser de novo forma maioritaria no ámbito municipal”.
Aludiu á enquisa municipal elaborada por Sondaxe e publicada hoxe, que constitúe “unha referencia que hai que respectar absolutamente e supón un acicate para seguir traballando”, logo de constatar que “somos a forza maioritaria en practicamente tódalas cidades de Galicia”. Asegurou que “no ano que queda, no que vamos intensificar o traballo de achegamento, iso vai facer que o apoio sexa máis maioritario”.
Apuntou que “para os socialistas galegos non é unha carreira electoral por ocupar as alcaldías sen máis, senón que responde ao noso compromiso coa cidadanía para facer políticas socialdemócratas, onde a xustiza social impere en cada unha das vilas e cidades de Galicia”.
Deste xeito, sinalou que “hoxe no Barbanza queremos pedirlle aos nosos compañeiros que estean preto da xente do mar, que está a pasar un momento difícil e tenso co goberno da Xunta”. Sinalou que “o noso papel debe de ser construtivo, positivo, de apoio, co obxectivo de resolverlle os problemas aos distintos sectores no ámbito do mar”.
Explosión Cuba
O tamén alcalde de As Pontes trasladou hoxe o agradecemento ao persoal diplomático en Cuba e ao Ministerio de Asuntos Exteriores en nome da familia do rapaz do seu concello, ferido na explosión do Hotel de La Habana, e que regresa o luns logo dunha rápida recuperación no país caribeño.
Salientou que “falo practicamente tódolos días coa familia, e directamente cos seus pais, que están máis reconfortados”, logo dunha situación “moi dolorosa, na que tiveron que vivir dende a distancia o que lle estaba a ocorrer ao seu fillo na Habana”.