O líder dos socialistas galegos replícalle ao representante do PP que “fala de indignidade un presidente que pechou 138 colexios, deixou marchar a 75.000 rapaces e reduciu a atención primaria á mínima expresión”
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, respondeu hoxe dende Ortigueira ás críticas que lanzou Feijóo dende Galicia tildando de “indigno” ao presidente do goberno. Replicoulle neste sentido que “indignidade” é “utilizar á ETA para facer campaña electoral”, mentres falar das 800 vítimas do terrorismo “indica baixeza moral”.
Advertiu que son os propios familiares das vítimas os que lle están afeando ao PP que empregue a súa dor “para rascar uns votos, como fai Vox”, e sinalou que o país “aspira a un goberno liderado por unha formación política que teña a capacidade de chegar ao goberno con limpeza”.
Criticou que fale precisamente de indignidade “un presidente que non foi digno con Galicia cando pechou 138 colexios, deixou marchar 75.000 rapaces e rapazas regalándolles unha maleta e que reduciu a atención primaria á mínima expresión e provocou listas de agarda onde nunca as houbera”.
O mesmo Feijóo, dixo, que escolleu Lugo para desembarcar en Galicia da man “da súa compañeira, a dos bulos, que utilizou os anónimos” para exercer unha política da que Formoso renegou para reclamar “a política en positivo, sen embarrar o campo político”. Aludiu a Candia, que estivo detrás dos “anónimos” que empregou contra o daquela líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e que 7 anos despois quedaron en nada.
O responsable socialista defendeu o proxecto do PSdeG, que se ten demostrado como a “columna vertebral política e social de España e tamén de Galicia, e que nunca vai antepoñer os intereses partidistas electorais aos intereses do país”. Un proxecto avalado pola xestión das 113 alcaldías que encabezan e nas que “teñen por bandeira a protección social, a creación de emprego e o compromiso coas vilas e cidades”.
Lembra que os socialistas galegos gobernan ao 60 por cento da poboación galega cunha aspiración que, dixo, “non vai mudar porque desembarquen Feijóo nin Alfonso Rueda en cada vila de Galicia”. Advertiu que a pesares da campaña despregada polo PP “a cidadanía é perfectamente consciente de que o que non se fixo en 4 anos non se faio en 15 días”.
Puntualizou que “as estradas que non se fixeron, os hospitais que non se reformaron, a atención primaria que non se atendeu, as depuradoras que non se puxeron en marcha e os colexios que se pecharon non se van abrir en 15 días”. Defendeu o proxecto socialista “que se chama Galicia” dirixido a “ilusionar ao país” fronte á xestión do PP “anticuada, de renuncia ao talento, a xuventude, a ciencia e ao coñecemento”.
ORTIGUEIRA COMO EXEMPLO
O secretario xeral do PSdeG puxo a xestión do concello de Ortigueira como exemplo da capacidade dos alcaldes socialistas, neste caso a de Juan Penabad. O alcalde herdou do PP un concello “arruinado” e nunha situación económica “lamentable” para telo hoxe como “concello de referencia, absolutamente saneado e cunha xestión pública admirable”.
O propio alcalde e candidato á reelección polo concello lembrou a traxectoria dende a súa chegada á alcaldía en 2015, cando “gañamos liberdade” e impuxo a transparencia na xestión para afrontar un plan de axuste que se prolongou ata xullo de 2022, cando situaron a débeda viva do Concello a cero co único apoio da Deputación da Coruña.
Polo camiño, dixo, tiveron que afrontar dous anos de pandemia centrados en axudar aos veciños e veciñas e aos comercios, fronte a un PP que “nos machacou” ao renunciar a asumir as súas competencias en Dependencia, que tivo que xestionar o propio concello.
Hoxe se presentan á reelección cun equipo renovado, que combina experiencia con formación técnica dunha lista electoral integradora, que aproveita a capacidade profesional dos veciños e veciñas chegados dende Europa coa mellor formación. Sinalou como desafíos futuros a consolidación do xeoparque de 800 quilómetros cadrados e 6 concellos limítrofes, a xestión do consorcio de montes veciñais ou a posta en marcha do PXOM.