A deputada socialista Noela Blanco presentou unha serie de iniciativas parlamentarias para pedirlle á Xunta que apoie a declaración do Entroido de Viana do Bolo como de “interese turístico nacional”. Os socialistas reivindican o mesmo recoñecemento para esta festa do que xa gozan os entroidos de Xinzo da Limia e de Verín.
A parlamentaria ourensá reclámalle ao goberno galego que atenda á petición aprobada polo pleno do Concello a proposta dos socialistas no ano 2014 e concederlle unha distinción fundamental para impulsar a “unha das festas máis antigas e simbólicas de Galicia”. Ademais, engade, suporía “un revulsivo socioeconómico nunha provincia que precisa urxentemente de medidas de acción positiva en tódolos ámbitos”.
Lembra que a declaración require dun informe favorable dos organismos turísticos da Xunta de Galicia, que deben remitir o expediente, acompañado deste informe, á subdirección General de Calidad e Innovación Turísticas, da Secretaría General de Turismo, quen debe a continuación emitir o seu ditame.
Por este motivo, reclaman que a Xunta realice tódolos trámites recollidos na Orde que regula a declaración como Festa de Interese Turístico Nacional o que é “un dos máis orixinais que se celebran en Galicia e o evento máis antigo e con máis tradición da zona”.