O viceportavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, acusou hoxe ao presidente da Xunta de “empregar ao goberno autonómico como trincheira” para confrontar co goberno de Pedro Sánchez e así “agochar a súa ineficacia e o seu fracaso”. Así o dixo na comparecencia no Parlamento do conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, para dar conta da axenda galega plantexada diante do Goberno Central.
O responsable socialista afeoulle ao goberno galego que “veña imbuído dunha aparencia de vítima” para agochar o seu desleixo nos últimos dez anos e a ausencia de reivindicacións diante do goberno central no goberno de Rajoy, nos que “vostedes chitón”. Ironizou con que logo de que o PP gobernara 33 dos 39 anos de autonomía “de repente non son responsables de nada” para sinalar a un goberno que leva “3 semanas funcionando”.
Criticou que a Xunta poña en cuestión a un goberno “elixido democraticamente” e “falen de hipotecas dun goberno de coalición” cando, ironizou, “están vostedes para falar de hipotecas en Murcia, Andalucía ou Madrid, onde acordan cos do veto parental e os que queren ilegalizar aos partidos que representante unha forma de pensar no Estado, en España e Galicia”.
Sinalou que “a Galicia non lle está indo tan mal” cun goberno de progreso centrado nas políticas sociais, que en só 3 consellos de goberno subiu as pensións nun 0,9 por cento “por enriba do vergonzante 0,25 que as subira Rajoy”, que lles subiu as retribucións aos funcionarios e incrementou o salario mínimo aos 950 euros “tamén en Galicia”.
Apuntou que a comparecencia de hoxe “constitúe unha proba do seu grao de desesperación diante da inercia imparable de cambio, e de que o único que se lles ocorre é a estratexia da confrontación, do desprezo ao adversario e do uso partidario da Xunta de Galicia”. Criticou que agora o PP defenda transferencias a Galicia cando rexeitaron no Parlamento a folla de ruta coas peticións para Galicia presentada polos socialistas galegos.
Reivindicacións
Diante das reivindicacións esgrimidas polo goberno galego, lembrou que a ampliación da prórroga da concesión da AP-9 ata 2048 foi aprobada polo PP, que foi Ana Pastor como ministra quen ratificou e ampliou a suba das peaxes a cambio das obras de ampliación da ponte de Rande. Lembrou que o propio PP rexeitou en 2017 unha proposición non de Lei do Grupo Socialista pedindo a redución das peaxes e o financiamento das obras a cargo dos Orzamentos do Estado.
Lembrou tamén o informe do Tribunal de Cuentas alertando de que Rajoy foi responsable de ter executado só o 49,2 por cento das obras previstas para o AVE, que provocou un retraso de 50 meses e 500 millóns de euros, mentres o goberno socialista confirmou que non haberá “nin un minuto de retraso nas obras do AVE por falla de impulso político”.
O mesmo sucede coa transición das electrointensivas a enerxías limpas, un problema que non supuxo un minuto da acción de goberno de Feijóo mentres o goberno socialista “traballa por unha transición xusta e necesaria e defendendo tamén os intereses dos traballadores, garantindo os postos de traballo en As Pontes”.
Criticou que mentres o goberno galego cuadriplicaba os gastos de pago da débeda pública, que pasou de 393 millóns a 1.642 entre 2009 e 2020, intentan agochar que suprimiron 1.500 prazas de mestres no ensino público ou o peche de servizos sanitarios.
Finalmente, ratificou a necesidade de compatibilizar a relación de Galicia co mar e de compatibilizar o respecto do litoral cos postos de traballo, polo que calquera cambio no Regulamento da Lei de Costas incluirá un “diálogo amplo cos representantes dos sectores implicados”.