O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, acusou hoxe ao goberno galego de “utilizar” a información da pandemia “de maneira partidaria” en función “dun relato ególatra”. Así o dixo no debate dunha interpelación sobre a falla de información aos concellos sobre a incidencia da covid – 19 cando “teñen que xestionar á Policía Local, os horarios dos establecementos ou as axudas”.
O responsable socialista empregou a súa intervención para ligar o uso “malintencionado” da información da covid nos concellos cos datos sobre os rastrexadores por parte de Feijóo, a quen tildou de “bocazas mentireiro”. A expresión foi retirada a petición do presidente do Parlamento, malia que o parlamentario socialista lembrou que os mesmos cualificativos foron empregados polo presidente da Xunta sen ningunha obxección.
Explicou que o presidente da Xunta “hoxe dixo que había 700 rastrexadores, pero antes eran 20, 500, 2,5 millóns, logo non había ningún, e despois 6.150, a ver se vai ser como con Facenda, que rastrexadores somos todos”, ironizou. A realidade, engadiu, “é que dixo o que dixo en campaña electoral, e dálle igual 6.150 que 4, e cando chega un conselleiro que quere tramitar a información dunha maneira máis correcta pasa o que pasa”.
Torrado comezou criticando a recente entrevista ao conselleiro nun medio galego no que este se negaba a compartir información sobre o número de rastrexadores. Dixo que “teñen a obriga e a responsabilidade de xestionar a información pero non teñen o poder de conservala”.
Pechan bares e abren prostíbulos
Acusou ao PP e ao goberno galego de “buscar sempre que a culpa sexa de outro”, e “por iso pechan bares pero deixan abertos prostíbulos, pechan teatros e deixan abertas as igrexas”, cando non culpabilizan aos estudantes en contra de tódolos datos. Sinalou que “por iso un voceiro do PP dixo en plena pandemia que as mascarillas defectuosas do goberno contaxiaran a 70 sanitarios, e cando pasou a repartilas a Xunta a culpa xa era dos sanitarios que se contaxiaban no café”.
Criticou que Feijóo teña pasado a pandemia centrado nun “relato egocentrista que salva eleccións pero non salva vidas”. Sinalou neste sentido que “primeiro estivo a favor do Estado de Alarma, despois en contra, despois falaba dos estadiños de alarma, despois era demoledor, pero cando se puido quitar o seguen utilizando porque saben que todo o que din é información falaz e mal intencionada”.
Julio Torrado esixiu coñecer os criterios sobre os que se sustenta a toma de decisións do goberno galego que afectan aos concellos galegos, e advertiu que “a información que publica a Xunta non vale para a toma de decisións, porque a que utilizan para iso está nos mapas que non publican”. Sinalou que “de nada vale que sigan un día máis confundindo activos con positivos”, e acusou ao goberno galego de eludir a transparencia para “seguir xestionando sen dar moitas explicacións”.