O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, instou hoxe ao goberno galego a que tome nota da contestación social contra a reforma da Lei de Saúde que iniciará a súa tramitación no próximo Pleno. Logo da Xunta de Portavoces do Parlamento, apuntou á manifestación que terá lugar o próximo domingo para que “teña consecuencias” e serva para reverter os recortes e recuperar a calidade perdida no servizo.
Fernández Leiceaga advertiu que a reforma que ten preparada o goberno galego suporá unha “merma na participación social na sanidade pública” ao reducir a participación nos consellos sanitarios de área que o goberno galego “xa viña incumprindo”. Tamén suporá afastar os servizos sanitarios de áreas relevantes como o Salnés, Valdeorras, A Mariña ou Lemos, que serán absorbidos polas áreas provinciais.
En definitiva, unha “merma no nivel de calidade da sanidade pública” que está a ser rexeitado polo conxunto da sociedade e tamén polos profesionais sanitarios, sinaladamente logo das eivas constatadas no pico da gripe deste inverno. Neste sentido, os socialistas presentarán unha moción para reforzar a sanidade pública e evitar o “descalabro da Atención Primaria en canto nos saímos da normalidade”.
Fernández Leiceaga explicou que as consecuencias da reforma da Lei de Saúde e a situación da sanidade pública serán os temas centrais dunha xornada parlamentaria organizada polo Grupo Socialista que terá lugar o próximo venres, anticipando a protesta do domingo e do debate do Pleno do martes.
Os socialistas tamén levarán ao Pleno a situación do ensino público a través dunha proposición non de Lei para que o goberno galego regule os cambios na rede pública de centros de ensino, e que non poida ser alterada “a capricho”.
Tamén presentarán unha pregunta oral para que o goberno dea conta do cumprimento do acordo parlamentario para facer da Historia da Filosofía unha materia troncal no bacharelato, así como os problemas derivados da zonificación para a admisión de alumnos nos centros públicos de Vigo.
Emprego
O portavoz socialista dedicará a sesión de control do próximo Pleno á “situación límite” á que ten levado o goberno galego ao mercado laboral galego, logo de constatar que no último ano, cunha taxa de crecemento económico do 3 por cento, só foi quen de crear 3.600 empregos. Advertiu que “para reducir a taxa de desemprego necesitariamos cuadriplicar esta cifra”.
A situación cébase sinaladamente, dixo, coa mocidade galega, que se ve incapaz de emanciparse a tempo de iniciar un proxecto vital. Reclamaralle ao presidente da Xunta que “responda dun fracaso absoluto e reconsidere as políticas” do goberno galego, mesmo “repensar se o conselleiro actual é o adecuado para levar a cabo as políticas de impulso da creación de emprego”.
O Pleno da próxima semana incorporará ademais o debate dunha interpelación do Grupo Socialista sobre a dificultade das persoas con discapacidade intelectual para acceder ao emprego público. Explicou que a administración está “obrigada a abrir camiño” neste sentido, malia que na xornada organizada polo grupo socialista a pasada semana se evidenciara que “as normas din unha cousa, pero a realidade é totalmente diferente”.
Tamén presentarán unha proposición non de Lei coas reivindicacións do persoal da administración de Xustiza en Galicia, que reclama o remate da discriminación laboral con relación ao persoal do resto do Estado. O Pleno comezará cunha proposición de Lei dos socialistas galegos para incrementar a participación das entidades locais nos orzamentos da Xunta con “criterios obxectivos e razoables”.