O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, fixo públicas hoxe as súas dúbidas sobre a Lei de Demografía anunciada por Feijóo a semana pasada. Na súa opinión, a proposta do presidente da Xunta constitúe unha compilación de medidas xa existentes de probada ineficacia logo de ter levado a Galicia dende o máximo de nacementos en 2008 ao mínimo absoluto en 2018, cunha caída do 30 por cento en dez anos.
A Lei supón, explicou, unha “rectificación parcial e insuficiente” por parte do goberno galego, centrada unicamente na emigración, pero aproveitando a suba da presión migratoria procedente de Venezuela, Brasil ou Arxentina provocada pola inestabilidade daqueles países e obviando aos galegos e galegas que tiveron que partir a Europa nos anos duros da crise. Para Leiceaga, Feijóo actúa coma o “campión do surf, que colle tódalas olas, vaian a favor ou en contra das súas ideas”.
Sinala que Feijóo presenta unha norma na que “falla ambición e sobra inercia” nun “conxunto disperso de medidas que xa están funcionando con magro ou nulo resultado”. O texto constitúe un caixón desastre “pouco coherente” sen obxectivos e con medidas estrela como publicar o saldo vexetativo no DOG, un dato que xa é oficial dende o INE, ou a gratuidade de transporte para menores de 18, unha proposta reiterada dos socialistas á que o PP sempre se negara.
O goberno galego, dixo, “tira a toalla” en materia de natalidade, e pon “todas as pezas na inmigración, sobre a que non ten ningún control”, o que non fai máis que incrementar o escepticismo dos socialistas galegos sobre o éxito da proposta estrela de Feijóo.
Propostas
Fernández Leiceaga propuxo como contrapartida un “esforzo de entendemento” entre as forzas políticas que leve a consensuar medidas que realmente si que teñan unha incidencia real para superar a crise demográfica cando en Galicia hai dúas mortes por cada nacemento. Así, reclamou un impulso definitivo ás políticas activas de emprego, porque ningunha sociedade medra sen emprego estable e salarios dignos.
Puxo o acento ademais sobre as medidas en materia de igualdade, así como na conciliación cun Plan institucional que comece por garantir prazas de escolas infantís de 0 a 3 anos para tódolos galegos e galegas. Reivindicou ademais o modelo escocés de reequilibro territorial, cunha axencia independente con financiamento de seu que poida actuar na provisión de servizos públicos, captación de empresas e impulso do emprego nos territorios máis desfavorecidos.
Finalmente, instou ao goberno galego a adoptar medidas dirixidas a impulsar o retorno do capital humano, dirixidas aos mozos e mozas que se formaron en Galicia e tiveron que marchar a Europa nos momentos máis difíciles da crise.