O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, lamentou hoxe a negativa do presidente da Xunta a “dar a batalla” para reivindicar diante de Rajoy e de Fomento a rebaixa das peaxes da AP-9 e a conexión de Galicia coa rede ferroviaria de mercadorías. Na sesión de control ao presidente, lamentou que Feijóo rexeitara a “man tendida” dos socialistas para consensuar a defensa dos galegos e galegas.
“Cando vostede non ten solución fala do pasado”, así lle replicou aos reproches do presidente da Xunta pola xestión das infraestruturas dos gobernos socialistas en época de crise económica. Fernández Leiceaga instou a “solucionar o problema e miremos para adiante” conseguindo máis recursos para que Fomento asuma o custe das obras de ampliación da AP-9 en Rande dunha tacada ou en prazo e rebaixe as peaxes.
Sinalou que “hai recursos”, máxime despois de constatar que no último ano o Grupo Fomento apenas investira 66 millóns en Galicia, o 4,74 por cento do total do Estado, e o conxunto da administración 500 millóns de euros, fronte aos 1.555 investidos no último ano de goberno de Zapatero.
Lembrou que se ben o procedemento extraordinario para realizar as obras foi aprobado en 2011, a continuación foi convalidado pola daquela ministra de Fomento Ana Pastor en 2012, que “ademais subiu ata o 21 por cento o IVE das autoestradas e eliminou a bonificación do 7 por cento.
Explicou que “hoxe estamos saíndo da crise e temos máis recursos” mentres, apuntou, a vontade do PP demóstrase co seu voto en contra ás propostas socialistas neste sentido no Parlamento.
Corredor mercadorías
Fernández Leiceaga tamén reclamou unha posición conxunta dos grupos políticos para defender a conexión de Galicia coa rede ferroviarias de mercadorías da UE, que o goberno está a adiar un mínimo de 20 anos. Lembrou que o portavoz da Dirección Xeral de Mobilidade e Transportes da UE, Carlo de Grandis, sinalou que a súa prioridade é Monforte – Palencia, e a conexión de Galicia “debe partir do goberno español en primeira instancia, e incluso da Xunta de Galicia”.
Acusou así aos gobernos central e galego de “non contar a verdade, non é certo que haxa un impedimento da UE ao financiamento das infraestruturas, depende da vontade de Rajoy e en parte da súa”. Considerou “inaceptable e un desprezo para Galicia” que activen a conexión cos portos vascos, e a conexión de Cantabria co País Vasco por estrada mentres adían o corredor ferroviario de Galicia ao período 2028-34.
O portavoz socialista saudou o protocolo asinado entre Galicia, Castela e León e Asturias para pedir esta conexión, pero advertiu que Fomento ten sinalado que haberá que agardar a revisar a programación ata 2023, e a decisión non poderá ser tomada antes de 2027.
En resposta aos reproches do presidente da Xunta, presentou a programación oficial da UE, na que a conexión de Galicia coa rede básica de mercadorías estaba sinalada en 2011 e 2012, pero “xa non aparece en 2013, con Rajoy como presidente da Xunta, Ana Pastor como ministra de Fomento e Feijóo como presidente da Xunta”.