O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, centrará a sesión de control ao presidente do próximo Pleno no deterioro da atención sanitaria de Galicia como consecuencia da progresiva privatización de servizos por parte do goberno galego. Así o dixo logo da Xunta de Portavoces que fixou hoxe a orde do día da sesión plenaria da próxima semana.
O responsable socialista utilizará a drástica caída na valoración da sanidade pública, de acordo co último barómetro sanitario, coñecido a semana pasada, para preguntarlle a Feijóo pola xestión do seu goberno deste servizo fundamental para a cidadanía.
O portavoz socialista lamentou hoxe o veto do PP a tódalas solicitudes de comparecencia da oposición, que reclamou a presenza de Feijóo para dar conta do proceso de fusión das caixas galegas. Esta solicitude foi presentada conxuntamente polos grupos da oposición logo das contradicións da versión “oficial” da Xnuta cos responsables de KPMG que supostamente auditaran o proceso e que compareceron a pasada semana no Congreso.
Fernández Leiceaga criticou tamén a negativa á comparecencia de Feijóo para dar conta diante do Pleno do Parlamento da súa viaxe a México, co que “rompe co criterio establecido por Emilio Pérez Touriño como presidente da Xunta”. Lembrou que o mandatario socialista acudía ao Pleno do Parlamento para render contas despois de cada viaxe institucional.
Tampouco permitiu o PP a comparecencia do conselleiro de Cultura para explicar os cambios na programación da Radio Galega, que levaron a suprimir o programa de 50 minutos monográfico sobre cultura galega Diario Cultural. Explicou que nos próximos días será o propio director xeral da CRTVG quen responda, a preguntas dos socialistas, destes cambios na programación.
Estas modificacións na grella do ente público, explicou, inclúen a supresión dos informativos locais que “non entendemos máis que en termos da resposta ao interese do PP por ter un control centralizado da información local a menos dun ano das eleccións municipais”.
Cercanías
O Pleno do Parlamento da próxima semana incluirá unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para equiparar a rede ferroviaria atlántica de Galicia a unha liña de cercanías, co consecuente abaratamento das tarifas e o incremento notable das frecuencias para facilitar un medio de transporte público máis económico e menos contaminante.
Os socialistas galegos levarán ademais ao pleno unha proposición non de Lei co obxecto de ordenar a relación financeira entre Xunta e concellos, co obxectivo de reducir as transferencias condicionadas en beneficio das axudas incondicionadas garantidas baixo criterios de obxectividade.
Lembrou a orde de axudas medioambientais aberta a semana pasada en réxime de concorrencia non competitiva que concedía as axudas en función da data de entrada. Esta orde provocou que os concellos beneficiarios foran aqueles que rexistraran as solicitudes o mesmo sábado de madrugada, evidenciando “unha práctica clientelar que inhabilita á conselleira de Medio Ambiente para dirixir calquera administración, incluso municipal”, en alusión á súa probable candidatura á alcaldía do concello de A Coruña.
Os socialistas galegos presentarán ademais unha interpelación para reclamarlle ao goberno galego unha atención eficaz aos emigrantes retornados que garanta o seu retorno “en plenitude de dereitos”, en alusión sinaladamente ás dificultades dos emigrantes de Venezuela para obter pensións públicas.
Tamén incluirán dúas preguntas orais sobre a falla de prazas de escolas infantís, con 3.873 familias con nenos de 0 a 3 anos que quedan fora da rede pública e vense abocados a acceder á privada, e sobre a renuncia da Xunta a ampliar o prazo de alegacións sobre a tramitación do expediente de declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade.