O portavoz do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, centrará a súa intervención na sesión de control do próximo Pleno do Parlamento no peche do paritorio do Hospital de Verín. Así o explicou o viceportavoz deste Grupo, Luis Álvarez, na súa intervención diante dos medios logo da reunión da Xunta de Portavoces que fixou a orde do día do próximo Pleno.
O responsable socialista explicou que o presidente da Xunta terá que dar conta da súa decisión na sesión de control da próxima semana, na que o propio Gonzalo Caballero preguntaralle explicitamente por unha decisión que, dixo, “debera ser reversible”. Sinalou que o propio Caballero trasladaralle a Feijóo en primeira persoa as demandas da poboación de Verín logo de participar hoxe na protesta cidadá convocada diante do centro hospitalario comarcal.
Álvarez cualificou de “absolutamente inadecuada” a “decisión política” do presidente da Xunta de suprimir este servizo, diante do risco que supón para a poboación da comarca, como demostrou que esta mesma madrugada o xefe de Xinecoloxía impedira o traslado dunha muller cun proceso de parto avanzado. Diante do risco do traslado, finalmente tivo que desprazarse un pediatra dende Ourense ata o centro hospitalario de Verín,
Luis Álvarez explicou que “non se trata dunha cuestión monetaria nin, como estamos a ver, de criterios médicos e científicos indiscutibles”, e instou ao presidente da Xunta a que apoie as emendas socialistas aos Orzamentos da Xunta nas que reclaman servizos básicos en tódolos hospitais comarcais. Sinalou que estas decisións políticas do goberno galego nos últimos 10 anos son as que están a provocar que Galicia sexa a autonomía co menor saldo demográfico do Estado.
Barreras
Os socialistas galegos presentarán ademais unha interpelación na que lle reclamarán á Xunta que explique a súa intervención e os mecanismos de control dos investimentos previstos no estaleiro vigués Barreras, logo de coñecer esta mesma semana a intención de Ritz Carlton de darlle entrada ao goberno galego na operación de rescate da empresa.
Luis Álvarez sinalou que “esta realidade” de hoxe deriva do anuncio do presidente da Xunta, en 2009, da chegada da petroleira mexicana Pemex a Galicia, incluíndo a compra do estaleiro vigués que despois abandonaría. Agora os socialistas queren que o conselleiro de Industria explique se a entidade viguesa recibiu fondos públicos procedentes do goberno galego, así como as conclusións do control administrativo que debera ter imposto sobre o seu uso.
O próximo Pleno do Parlamento incluirá ademais unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para reclamar a intervención da Xunta na erradicación dos 47.400 fogares galegos cualificados como “infravivendas”.
Tamén presentarán unha proposta para incluír aos profesionais da psicoloxía no sistema sanitario público, actualmente deficitario deste tipo de servizo, e dúas preguntas orais para coñecer a intervención do goberno galego sobre a praga de roedores na montaña luguesa e o concurso de acredores presentado pola empresa luguesa Muebles Hermida.
Orzamentos
O responsable socialista criticou o “triunfalismo inasumible” por parte do PP ao presentar uns Orzamentos “continuistas” coas políticas do goberno galego que “levan 10 anos incidindo no mesmo erro” e “perpetuando unha política inadecuada que fracasa ao dar resposta aos retos de Galicia”.
Aludiu así ao debate final de Orzamentos que terá lugar o próximo martes no Pleno do Parlamento, no que o PP e o goberno galego defenderán un proxecto que “non ofrece solucións aos problemas de Galicia”.