A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Noela Blanco, acusou hoxe á Xunta de “boicotear” a atención a dependentes e maiores. Así o dixo no debate dunha pregunta oral na que dixo que Feijoó “premiou” cunha Consellería a quen era directora xeral responsable dos retrasos nas valoracións da discapacidade.
Sinala que a actual conselleira “fixo unha mala xestión deliberada” acumulando “remolques de expedientes das valoracións de discapacidade”, con 10.000 persoas agardando por un certificado que acumula un retraso de máis de 2 anos. Blanco sinala que se trata dun “retraso excesivo que retrasa a consolidación deste dereito, con maiores que en moitos casos falecen antes de telo recoñecido”.
A parlamentaria socialista acusou hoxe á Xunta de “incumprir co acordo parlamentario” a raíz dunha proposta socialista para incrementar o persoal dos equipos de valoración da discapacidade para eliminar a lista de espera antes do remate de 2018”. Lamentou que o secretario xeral da Consellería confirmara hoxe que “van incumprir o acordo a cambio de parchear o convenio de colaboración coa Consellería de Sanidade”.
Blanco denunciou o “desprezo, tomadura de pelo e pitorreo” do goberno galego co acordo parlamentario para “anunciar unha rectificación de pacotilla” e anunciar o incremento de persoal, pero que será contratado por un máximo de 9 meses para “ter que marchar en canto comecen a funcionar de maneira autónoma”.
Reclamou que “cumpran dunha vez co acordo parlamentario e incrementen o persoal estable de maneira continuada, cubran as baixas e as xubilacións e poñan ao día os 10.000 expedientes que quedan sen resolver en Galicia”.
Descaro
Lamentou o “descaro” da actual conselleira por celebrar o Día do Maior nunha residencia privada “despois de que en 9 anos o goberno de Feijóo teña posto en marcha 0 prazas de residencias de maiores públicas en Galicia”.