O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, esixiulle hoxe ao presidente da Xunta que “pase das musas ao teatro, das promesas aos feitos” en materia de Igualdade. O responsable socialista anunciou unha ofensiva parlamentaria para “someter o aparente cambio de actitude do PP á proba dos feitos”.
Así o dixo polo xiro do PP logo da escalada de agravios previa á mobilización do 8-M con Rajoy apelando a “non meterse” na fenda salarial, Tellado cualificando a mobilización das mulleres de “machista” e que culminou na sesión de control a Feijóo no Parlamento, espetándolle á oposición que “está onde está por non respectar ás mulleres”. Criticou a estratexia de Feijóo, que en lugar de discutir propostas, optou por “buscar a confrontación”.
Fernández Leiceaga apuntou que o presidente da Xunta ten o DOG “da súa man” para demostrar se o paso da displicencia e a contestación a presentarse “moito máis comprensivo” é en realidade “mera retórica ou un cambio real”.
Lembrou así as propostas socialistas para establecer permisos de paternidade e maternidade “iguais e non transferibles”, un programa de incentivos específicos para o retorno ao emprego despois da maternidade ou revisar a presenza da muller nos postos directivos das empresas públicas. Lamentou que Feijóo no dera conta destas propostas e que no debate parlamentario posterior foran rexeitadas polo PP.
Cascada de reivindicacións
Os socialistas galegos, explicou, incluirán na axenda política a “cascada de reivindicacións ben fundadas que están a poñer contra as cordas as políticas do PP en España e Galicia”. Apelou así á mobilización das mulleres do pasado xoves, pero tamén ás protestas dos pensionistas que claman contra a súa perda de poder adquisitivo, do persoal da Xustiza reclamando o fin da discriminación co resto do Estado, ou do persoal sanitario.
Apuntou que no próximo Pleno do Parlamento será incluído o debate final da reforma da Lei de Saúde, con propostas “razoables” por parte dos socialistas das que o PP “vai dicir que non”. Estarán negándose, dixo, a establecer un catálogo de prestacións sanitarias para garantir que a perda de autonomía dos hospitais non supoña a perda de prestacións.
Fernández Leiceaga anunciou que os socialistas galegos farán bandeira así da igualdade, da recuperación de servizos sociais, de políticas de inclusión ou do combate contra as desigualdades, que ven como quedan á marxe da “recuperación económica” que o PP ven “pregoando” dende hai 4 anos.