O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, dixo hoxe que as políticas de Feijóo constitúen “o mellor anticonceptivo” de Galicia, que en 2018 acadou o mínimo absoluto de nacementos, acadando “a máis baixa das baixas de fecundidade”. O responsable socialista empregou a sesión de control ao presidente para desmontar a súa Lei de Impulso Demográfico e facer unha proposta de acordo alternativa.
Fernández Leiceaga dixo que o aínda Anteproxecto de Lei presentado hai dúas semanas no Consello da Xunta limítase a “unha mera declaración de intencións”, un compendio de medidas xa existentes de probada ineficacia equivalentes, dixo, a “ir á guerra con armas de plástico”. É o caso da reserva de aparcamento para familias ou a publicación do saldo vexetativo por concellos -“como se non se fixera”-.
Desafiou ao presidente da Xunta a explicar a que dedicaría os 700 millóns que anunciou na presentación do texto e se corresponderían a fondos adicionais, que deu a calada por resposta. Explicou que a proposta de Feijóo constitúe unha “cesta – regalo con medidas fracasadas e empaquetada con papel brilante”, como a tarxeta Benvida –xa en marcha e ineficaz-, ou propostas vagas de “programas específicos” en materia de emprego ou vivenda sen concretar.
Leiceaga ironizou co “marketing e retórica” nos anuncios desta proposta citando a Cervantes –“Voto a Dios que me espanta esta grandeza”- e lembrou que logo de 10 anos de goberno, o principal fito de Feijóo foi un declive continuo ata situar a taxa de fecundidade no mínimo e acadar dúas mortes por cada nacemento. Sinalou de feito que se o saldo exterior é positivo débese á crise de repúblicas latinoamericanas, sinaladamente Venezuela, e non a méritos propios.
Proposta de acordo
O portavoz do Grupo Socialista instou ao presidente da Xunta a “deixarse de retórica” e “cambiar de fondo as políticas que fracasaron” e comezou presentando 7 propostas alternativas, partindo de establecer o dereito subxectivo a unha praza de escolas infantís por cada neno e nena emulando a Alemaña.
Propuxo ademais negociar cos sindicatos a incorporación de condicións de estabilidade laboral e conciliación aos contratos de obras e servizos do sector público, así como poñer en marcha de forma progresiva un programa de renda mínima compatible co salario, que amplíe as axudas aos menores de familias con necesidades ata os 15 anos.
Tamén presentou a proposta de mapa de servizos básicos, a creación dunha Axencia profesional independentemente para o equilibro territorial, seguindo o modelo escocés, eliminando o cofinanciamento nos programas da Xunta en concellos en grave crise demográfica ou incorporando ao diálogo social un Plan de Igualdade e un Plan de Conciliación seguindo o modelo vasco.
Fernández Leiceaga ofreceu un acordo para levar adiante “cambios en profundidade, concreción e compromisos serios”, ou do contrario, rematou citando esta vez a Góngora, “se todo queda en terra, en fume, en pó, en sombra, en nada, con nós non conte”.