O responsable de Política Institucional do Grupo Socialista, Juan Díaz Villoslada, acusou hoxe ao presidente da Xunta de “tapar e agochar” a súa axenda de viaxes institucionais ao estranxeiro. Así o dixo logo de que o PP rexeitara hoxe unha proposición non de Lei presentada polos socialistas en Comisión parlamentaria para pedir que o presidente da Xunta dea conta no Parlamento logo de cada viaxe.
Díaz Villoslada sinalou que o presidente da Xunta “non debera ter problema en explicar o contido das súas viaxes” tal e como facía o socialista Emilio Pérez Touriño como presidente da Xunta. Amosou a súa sorpresa polo veto do PP a esta iniciativa cando “debera sentirse orgulloso” de comparecer no Parlamento para explicar unhas viaxes “absolutamente necesarias dende o punto de vista institucional, económico, social e cultural de Galicia”.
Criticou que o goberno galego se limite a presentar un balance periódico da Estratexia Galega de Acción Exterior –Egaex- en conxunto por boca do director xeral de Relacións Extedriores nunha comparecencia en Comisión, situando ao presidente da Xunta “ao nivel de calquera director xeral que vaia a un Congreso”.
Advertiu que o presidente da Xunta non explicou as causas nin os resultados das súas viaxes institucionais, que no que vai de Lexislatura inclúen visitas a Arxentina, Uruguai, Cuba, Portugal, China, Francia, Reino Unido, Israel, México e, recentemente, a Miami e Nova Iorque.
Aterriza como Puedas
Díaz Villoslada ironizou co repentino adianto do regreso do presidente da Xunta da súa última viaxe aos Estados Unidos, protagonizando un “Aterriza como Puedas en Colón”. O responsable socialista citou á coñecida comedia dos anos 80 para caricaturizar a participación do presidente da Xunta na manifestación do pasado 10 de marzo en Madrid que “non foi para defender o sistema constitucional, senón para xuntarse coas forzas da dereita do país”.
Criticou a defensa da Carta Magna por parte do PP cando “abstivéronse na votación do Título VIII”, da Organización Territorial, e acusounos de “manifestarse coa estrema dereita” para emular á “marcha da CEDA sobre Madrid no 33” e reclamoulles que “non se sigan descentrando”.