O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamoulle hoxe ao presidente da Xunta que licite este mesmo ano as 7 residencias para maiores que leva seis anos anunciando reiteradamente para as grandes cidades. Así o dixo na sesión de control ao presidente da Xunta, na que alertou do déficit de atención aos maiores que sinalan o IGE e o Consello de Contas.
Fernández Leiceaga reclamou “un esforzo público con un calendario realista”, e apuntou que “non é posible anunciar 7 novas residencias con 900 prazas adicionais sen dar ningún paso para a súa concreción”.
O responsable socialista advertiu que o presidente da Xunta en realidade non incorporou ningún centro de xestión propia nos primeiros oito anos de goberno e só 2 concesionados -240 prazas-. Reclamoulle a Feijóo que faga a conta do número de prazas que podería facer cos 60 millóns de euros de déficit adicionais dos que poderían dispor se recorreran á décima de endebedamento que ven de autorizar a UE.
Consello de Contas
Presentou o informe presentado en xullo polo Consello de Contas no que sinala que a Xunta “non elaborou ningún plan de investimentos en centros residenciais para maiores e dependentes” entre 2010 e 2015. Ademais, “tampouco incrementaron as prazas en centros propios”, sinala o ente fiscalizador, coa conseguinte “frustración, molestias e dificultades económicas” que sinalou o portavoz socialista.
Este déficit de prazas, advirte, “abre un espazo á lexítima oferta privada”, que opta por subir os prezos “tirando partido da insuficiencia das políticas públicas da Xunta de Galicia”, e o prazo medio para o recoñecemento do dereito a unha praza de residencia supera os 600 días de media.
Fernández Leiceaga advertiu ademais que o obxectivo de atender a un total de 60.000 persoas dependentes, tal e como comprometeu o presidente da Xunta, resulta insuficiente para atender ás 117.875 persoas que necesitan asistencia, segundo cifra o IGE.
Este organismo apunta que hai 30.000 dependentes que precisan axuda a domicilio e non a reciben, 12.000 teleasistencia, 17.600 coidados sanitarios especializados, 12.323 estadías en centros de día, 6.300 comidas a domicilio, 8.854 necesitan programas de respiro e outros 14.440 requiren de transporte adaptado.