O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, alertou hoxe fronte á intención de Feijóo de “disfrazar a súa inoperancia sumándose á estratexia de tensión impulsada por Casado” con relación a temas territoriais. Así o dixo nunha comparecencia ante os medios de comunicación na que presentou a sanidade, as políticas sociais, emprego e infraestruturas como os eixos da acción política do Grupo Socialista para o próximo período de sesións.
O responsable socialista dirixiuse hoxe ao presidente da Xunta para reclamarlle que mude a estratexia frentista polo “acordo e pacto” co goberno central á hora de acadar “máis oportunidades para Galicia”. Propuxo neste sentido “trasladar as demandas de Galicia sen sobreactuacións e en equilibro”.
Aludiu así á utilización política por parte de Feijóo de asuntos como o Porto de A Coruña, onde “hai que afrontar unha débeda de 300 millóns de euros derivada dos xestores pasados da entidade” e que debe encamiñarse “dende Fomento en colaboración coa Xunta e o Concello”.
Así sucede tamén co reintegro do IVE á Comunidade Autónoma, un problema derivado dunha modificación de Montoro, á que Feijóo nunca replicou ata que chegou o PSOE ao Goberno. Fernández Leiceaga explicou que tivo que ser a actual ministra de Facenda quen dera solución a través dunha “actuación moi razoable” para reintegrar parte da liquidación correspondente ao ano 2017.
O mesmo presidente da Xunta, sinalou, que reclamaba en voz alta a débeda mentres votaba en contra de ampliar as marxes de endebedamento abertas no último Consello de Política Fiscal e Financeira.
Fernández Leiceaga criticou así a “falla de ambición e proxecto” de Feijóo, que renuncia a aqueles fondos adicionais e que enfronta o comezo do curso político sen dar noticias do orzamento da Xunta para o próximo ano e logo de pechar o anterior período de sesións sen presentar unha soa proposición de Lei.
Eixos políticos
O portavoz socialista debullou hoxe os catro grandes eixos da acción política do Grupo Socialista para o curso que comeza, nos que centrarán o foco na situación da sanidade pública con propostas para resolver a difícil situación que teñen provocado os recortes drásticos dos gobernos do PP. Anunciou que os socialistas presentarán no próximo mes unha Proposición de Lei para garantir a efectiva prestación sanitaria.
A falla de planificación e a precariedade, dixo, están detrás do déficit de persoal e da caída da calidade do servizo, e das situacións límite como a rexistrada no Centro de Saúde da Estrada neste verán, onde faleceu un paciente sen poder ser atendido porque o único facultativo do Centro tivera que desprazarse a atender un servizo.
Fernández Leiceaga situou a política social como segundo grande eixo para este novo período de sesións, logo das eivas sinaladas polo último informe do Consello de Contas, que apuntaba ao déficit de prazas residenciais en Galicia. Esta falla de recursos provoca, explicou, o elevado custe das prazas ás que se pode acceder nunha Comunidade Autónoma cunha poboación avellentada e con problemas de desatención.
Tamén atenderán os socialistas á situación do emprego, sinaladamente nos xóvenes, logo de que evidenciar que Galicia recuperou o nivel de PIB anterior á crise pero con 190.000 postos de traballo menos. Criticou o “tradicional desleixo” do goberno do PP na execución de políticas de emprego, a pesares dos graves problemas de precariedade ou fenda de xénero no mercado laboral galego.
Finalmente, apuntou á situación das infraestruturas e plans de transporte dependentes da Xunta de Galicia, nunha etapa na que cumpre renovar os concursos de transporte interurbano.
Fernández Leiceaga puxo esta xestión exemplo da “inoperancia” de Feijóo, que presentou o Plan Move na súa primeira lexislatura cun horizonte de chegar ata 2020 pero que tan só cumpriu ata 2013, mentres lle duraron as iniciativas postas en marcha polo goberno de Pérez Touriño, e que a partir de entón permanece paralizado e “metido nun caixón”.