O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, criticou que o presidente da Xunta evitara hoxe condenar a “ideoloxía retrógrada” do líder do PP, Pablo Casado, e os seus ataques á Lei da Interrupción Voluntaria do Embarazo. Na sesión de control do Parlamento, intentou sen éxito a implicación de Feijóo para rexeitar a deriva do presidente do seu partido “sen panos quentes e con rotundidade”.
Fernández Leiceaga reclamou o rexeitamento especifico do presidente da Xunta á intención do “imprudente líder do seu partido en España, que segundo di representa aos españoles de ben”. Aludiu así á intervención de Casado na sesión de hoxe do Congreso, e puntualizou que “os españoles de regular, que somos maioría, estámoslle noutra cousa”.
Situou así a aposta dos socialistas polo reforzamento dos dereitos das mulleres e a mellora das súas condicións laborais das mulleres fronte á opción do PP, dirixida a “restrinxir os dereitos das mulleres, na liña da solución Ceaucescu”, aludindo ao ditador rumano que prohibiu o aborto.
Apelou á necesidade de “valentía” de Feijóo fronte ás declaracións do líder do PP para “parar esa deriva, a ver se van acabar dicindo que hai que prohibir os anticonceptivos ou retirar a Lei do Divorcio”, ironizou. Sinalou que “a natalidade imposta é un retroceso e unha agresión aos dereitos das mulleres”, e defendeu polo contrario “reforzar os dereitos das mulleres”, para facilitar o incremento da natalidade poñendo as condicións para que as familias “poidan ter máis fillos pola súa vontade”.
Fernández Leiceaga explicou que “as mulleres, as familias, desexan en Galicia de media ter o duplo de fillos que teñen hoxe realmente, o que nos situaría en vías de solución para a crise demográfica que hoxe padece Galicia”.
Crise demográfica, fracaso de Feijóo
O portavoz socialista sinalou á crise demográfica de Galicia como “un dos maiores fracasos da xestión de Feijóo”, co drástico empeoramento da situación nos últimos dez anos, pasando de 23.175 nenos e nenas nacidos en 2008 aos en torno a 17.000 de 2018. Explicou que o indicador de fecundidade –os fillos das mulleres en idade fértil- obtivo unha “levísima recuperación” ata o 1,2, cando o obxectivo para 2014 estaba en 1,59 fillos por muller.
Fernández Leiceaga propuxo catro políticas de incentivación da natalidade, comezando polo apoio no Congreso aos permisos de natalidade paternais e maternais “iguais e intransferibles”, unha política de universalización do acceso a escolas infantís de calidade, ou a profundización nas políticas de conciliación familiar e laboral da Xunta.
Tamén propuxo unha “política de corresponsabilidade, en que homes e mulleres compartan as tarefas do fogar” comezando pola posta en marcha dun módulo de formación básica obrigatorio para todos os alumnos e alumnas de ESO. Alertou de que “non haberá máis fillos mentres telos sexa un obstáculo para a promoción profesional e a carreira das mulleres, por iso son tan relevantes os plans de igualdade nas empresas”.
Puntualizou que “tampouco haberá máis fillos mentres o emprego precario e a tempo parcial involuntario sexa tan frecuente entre as mulleres” ou mentres os salarios non garantan unha vida digna ás familias, mentres o PP “critica a suba do Salario Mínimo e boicotea a revisión da Reforma Laboral”.
Balance
Reclamoulle ao presidente da Xunta un balance do Plan Estratéxico 2010 – 14, que situaba o incremento de nacementos como prioridade, ou do Plan de Revitalización Demográfica de Galicia, nado cun erro na diagnose, centrado en convencer ás parellas de ter máis fillos cando a realidade é que “queren ter 2 fillos pero só poden ter 1”.
O responsable socialista saudou o anuncio dunha futura Lei de Demografía na que, dixo, “traballaremos para a súa mellora cando chegue ao Parlamento”, pero esixiu “medidas que non sexan simplemente de marketing, senón cun calendario e compromiso real”.