A parlamentaria socialista Noela Blanco reclamou hoxe “desculpas” de Feijóo e do goberno galego polos problemas provocados pola implantación do novo Plan de Transporte nas liñas de bus escolar de Ourense. Blanco preguntou se logo da carta de Nadal enviada por Feijóo ás familias con nenos e nenas das escolas infantís de Ourense “enviará unha nova carta para pedir desculpas polo caos xerado no transporte escolar”.
Acusou ao goberno galego de “tratar aos nenos coma tamagotchis” para experimentar co Plan de Transporte e advertiu que a súa implantación “traía no maleteiro para Ourense unha desfeita nas liñas escolares” con retrasos, erros e fallas de conexión. Estes problemas detectáronse fundamentalmente nas liñas Pereiro de Aguiar – Ourense (Colexio de Mende) e San Cibrao das Viñas – Ourense (Seixalbo), así como na zona de Celanova, Allariz, Barbadás e Ribadavia.
Advertiu que “en algúns casos foron os pais e nais os que tiveron que levar aos pequenos ao colexio”, outros estiveron horas agardando nas paradas, detectáronse buses que circularon sen acompañantes ou nenos e nenas tiveron que ir amoreados nun só vehículo durante varios días seguidos logo das vacacións de Nadal.
Blanco sinalou ao “fracaso” na implantación do Plan de Transporte “mal plantexado, deseñado dende os despachos, que custou unha millonada e que as propias empresas teñen que ir resolvendo por si mesmas”. Sinalou que os prexuízos do dito Plan non se limitaron ás liñas escolares, senón que supuxo subas do prezo do billete de ata o 50 por cento en traxectos como o de A Limia – Ourense, ou falla de información sobre cambios de horarios e rutas.