O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, esixiulle hoxe a Feijóo “deixar a retórica e pasar a ofrecer solucións con máis aportacións orzamentarias para os concellos máis pequenos”, que non poden afrontar as dotacións de servizos públicos. Así o dixo nunha visita ao concello de A Cañiza –Pontevedra-, xunto coa parlamentaria Patricia Vilán, onde mantiveron un encontro co novo alcalde, o socialista Luis Piña, e membros da corporación municipal.
O responsable socialista puxo este concello como exemplo dos problemas que están a ocasionar nas pequenas corporacións os recortes aplicados polo goberno galego nos últimos dez anos, cun recorte drástico nos servizos públicos, sinaladamente na sanidade e a educación, así como no transporte público. Reclamoulle a Feijóo que “asuma unha porcentaxe maior de cofinanciamento” e aplique a “discriminación positiva” a favor dos concellos con menos recursos.
Fernández Leiceaga considera ademais “insuficientes” as medidas propostas polo goberno galego a través da Lei de Impulso Demográfico, “moi por debaixo do que necesita Galicia” e que deixa sen atender zonas do interior que padecen a crise demográfica de forma sinalada.
O portavoz do Grupo Socialista saudou ao novo alcalde de A Cañiza, á fronte dunha “nova administración máis progresista e implicada nas necesidades de futuro”, como resultado das pasadas eleccións municipais nun concello ao que “tamén chegou a ola de cambio” de Galicia.
Transporte
O alcalde de A Cañiza, Luis Piña, puxo o acento sobre as necesidades de transporte público do Concello, que viu reducidas as principais liñas de comunicación en máis da metade nos últimos anos, como o caso dos autobuses a Ourense, Vigo ou ás localidades veciñas. Hoxe os veciños e veciñas da vila teñen “practicamente imposible empregar o transporte público para ir traballar ou estudar a Vigo”, e reclamou mellores conexións “mesmo para acceder aos hospitais de referencia”.
Tamén apuntou aos recortes en materia sanitaria, co Centro de Saúde de Valeixe baixo mínimos dende a xubilación do único médico, unha praza cuberta por contratos puntuais e que queda baleira nos meses de xullo e agosto. Reivindicou máis recursos para que concellos como o da Cañiza poidan atender aos servizos que lles encomenda o goberno galego, e que se atopan en situación deficitaria pola falla de medios propios.