O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamoulle hoxe á Xunta a posta en marcha dun Plan Autonómico de Descarbonización que apoie ás industrias e comarcas afectadas. Así o dixo logo da Xunta de Portavoces do Parlamento, que fixou a orde do día do próximo Pleno no que Gonzalo Caballero empregará a sesión de control para esixirlle a Feijóo que “reconsidere” as súas políticas con relación ás áreas urbanas de Galicia.
Leiceaga explicou que os socialistas presentarán unha moción no Pleno da próxima semana sobre a política do goberno galego con relación á crise climática que incluirá a demanda da intervención da Xunta para apoiar ás industrias e ás zonas de Galicia afectadas pola descarbonización. O obxectivo, explicou, será acadar unha economía neutra de carbón no horizonte de 2030, e incorporará medidas como a incorporación de materiais reciclados nas obras públicas da Xunta.
Os socialistas presentarán na sesión plenaria da próxima semana dúas proposicións non de Lei sobre materias competencia directa da Xunta, como é o caso da sanidade e a vivenda. En primeiro lugar reclamaranlle ao goberno galego que abra o diálogo cos grupos parlamentarios e cos colectivos especializados para poñer en marcha a reforma da situación laboral dos profesionais da sanidade.
A continuación dirixiranse á Xunta para demandar incentivos á oferta de vivendas en alugueiro de longa duración, como unha medida para facilitar o acceso a este dereito dos colectivos vulnerables, e ademais incrementar a oferta e polo tanto reducir os prezos nas áreas sensibles. A proposta socialista incorpora a intervención do Executivo para asegurar aos propietarios fronte impagos ou o deterioro dos inmobles.
Tamén incluirán unha interpelación na que reclamarán a intervención do goberno galego para respaldar ás persoas vítimas de violencia de xénero, sinaladamente aquelas sometidas a graves dificultades económicas por estar sometidas a un réxime de gananciais. Finalmente, incorporarán á orde do día unha pregunta para reclamar medidas de seguridade para evitar que se repitan os caso de intoxicación de bebés nas escolas infantís da Xunta como os das semanas pasadas.
Debate electoral
O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, salientou que o candidato do PSOE á presidencia do goberno, Pedro Sánchez, representou “a única proposta centrada, moderada, solvente e seria” no debate electoral de onte. Na súa opinión, Sánchez foi “quen soubo explicar mellor o que quería facer dende o goberno” e quen presentou as propostas máis solventes.
Pola contra, dixo, salientou a tibieza de PP e Ciudadanos fronte á proposta de Vox de eliminar o Estado das Autonomías ou de suprimir “conquistas sociais de España e Galicia” con relación á igualdade de xénero. Criticou o seu empeño en “non dicir nada para non molestalo” fronte a propostas “como a de ilegalizar ao PNV”, un partido “democrático e que actualmente dirixe o País
Vasco”, ratificando que Abascal “marca a pauta na dereita e condiciona” a posición da dereita.
Finalmente, criticou o desleixo do goberno galego diante do “gravísimo problema da ocupación en Galicia”, onde medra á metade do resto do Estado, o que supón unha redución dramática da base laboral da actividade económica que “afecta directamente ao noso porvir como país”. Esta situación, dixo, está detrás da “fuxida” de traballadores e afecta ao sostemento dos aspectos fundamentais do Estado do Benestar e, sinaladamente, do sistema de pensións.
O responsable socialista sinalou que as iniciativas dos socialistas galegos en materia de políticas activas de emprego serán unha parte esencial da proposta alternativa de Orzamentos que defenderán no debate en Pleno que comezará dentro de dúas semanas. Leiceaga fixo estas valoracións en resposta a preguntas sobre os datos do paro coñecidos hoxe, e que revelan que o paro subiu 7.323 persoas en Galicia no mes de outubro, por enriba da media do Estado.
A situación laboral formará parte tamén no próximo Pleno do Parlamento coa pregunta dos socialistas galegos sobre a situación da empresa Unitono, que presta servizo de telemárketing a Naturgy e que vén de anunciar o peche en Ourense pola deslocalización da atención en galego, que pasa a prestarse dende Cataluña.