A viceportavoz do Grupo Socialista, Patricia Vilán, anunciou hoxe que os socialistas galegos centrarán a sesión de control do próximo Pleno en preguntarlle a Feijóo pola súa xestión das políticas encamiñadas a corrixir os desequilibrios territoriais de Galicia. Logo da reunión da Xunta de Portavoces, instou ao goberno galego a “demostrar que está á altura” para resolver o conflito dos traballadores da Xustiza.
Vilán explicou que a sesión de control ao presidente estará centrada na xestión por parte do presidente da Xunta das iniciativas supostamente encamiñadas a paliar o desequilibro territorial das provincias do interior con respecto a Coruña e Pontevedra. Os socialistas galegos reclamarán coñecer o nivel de execución dos plan Lugo e Ourense por parte da Xunta no que o propio Feijóo veu en bautizar como “a Lexislatura do rural”.
O Pleno da próxima semana incluirá ademais unha proposición non de Lei para urxirlle ao goberno galego un pacto pola lingua galega, con motivo da celebración, o 17 de maio, do Día das Letras Galegas. Tamén presentarán unha iniciativa para pedirlle á Xunta un estudo sobre a posible implantación do sistema de cotas pesqueiras individuais transferibles e as súas consecuencias para a flota galega no Cantábrico.
Tamén serán debatidas as dúas mocións derivadas das interpelacións do Pleno pasado, para reclamar a execución das partidas orzamentarias para a prevención do abandono escolar e para a mellora das condicións de traballo no emprego público de Galicia. O Pleno do Parlamento incluirá unha interpelación sobre a política do Goberno galego en relación coa incidencia urbanística do Regulamento xeral de estradas de Galicia.
O punto de preguntas orais incorporará tres preguntas do Grupo Socialista sobure as previsións do goberno galego para a creación de novos equipos de valoración da discapacidade na provincia de Pontevedra, con 10.000 persoas nunha lista de agarda que pode demorarse anos.
Tamén reclamarán as medidas previstas para desviar o tráfico pesado na A-55 entre Vigo e Porriño, e sobre o cumprimento dos requisitos para as axudas cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.
Folga da Xustiza
A responsable socialista urxiu ao goberno galego a demostrar que “está á altura” para resolver o conflito da Xustiza, actualmente “enquistado” nun punto que prexudica aos galegos e galegas. Instou ás partes a “dar tranquilidade” ao conflito e “volverse sentar e falar todos” do principal punto de fricción, que non deixa de ser “unha parte dun dos 5 puntos que se reivindicaban”.