O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, acusou hoxe a Feijóo de “declarar unha tregua” e asumir a discriminación financeira de Galicia “para pelexar polo trono do líder en problemas”. Na sesión de control do Parlamento ao presidente da Xunta, acusouno de facer “desaparecer a franxa azul da súa bandeira de Galicia” e evitar unha “pelexa dura polos intereses de Galicia”.
O responsable socialista criticou a “pasividade e submisión” do presidente da Xunta que “deteriora a nosa posición negociadora –no novo modelo de financiamento- e compromete o nivel de calidade dos servizos públicos”. Instou a Feijóo a renunciar aos seus intereses persoais para converterse “nunha dor de cabeza para que nos tomen en serio” dentro do “máximo respecto á Lei e con lealdade institucional”.
Criticou que non estea disposto a “facer nada” para que Montoro rectifique fronte á redución das entregas a conta ou a falla de prórroga do Imposto de Patrimonio, que supoñen 400 millóns de euros menos para os orzamentos de Galicia. Fernández Leiceaga desligou a decisión do ministro de Facenda do bloqueo dos Orzamentos, xa que, dixo, “trátase dunha decisión discrecional de Montoro”.
Explicou que o imposto debera ser prorrogado mediante decreto e que os incrementos nos impostos cedidos “dependen da expansión económica e non de cambios normativos”. Censurou esta “deslealdade” coas autonomías “por motivos meramente partidarios, para condicionar a eventual negociación do Plan de Financiamento, colocando ás comunidades autónomas nunha posición de debilidade, pelexándose en vez de reclamar melloras”.
Acusouno finalmente de “calar fronte á discriminación que supoñen os mecanismos extraordinarios de financiamento que colocan os recursos de Galicia por debaixo da media das autonomías de réxime común”.
Comprometer o futuro
O portavoz socialista engadiu que coa súa pasividade “está comprometendo os recursos do futuro para Galicia. Feijóo, engadiu, “permite que pasen os meses sen que un novo modelo de financiamento autonómico mellore a nosa capacidade para atender aos servizos básicos”.
Desta forma que estalle dicindo ao goberno e ao resto das comunidades autónomas que “Galicia vive nun mar de abundancia”. Así apuntan as súas decisións de renunciar ao déficit autorizado, presumir de baixadas de impostos ou facer unha xestión “ineficiente” dos fondos finalistas que lle corresponden a Galicia, como a Iniciativa de Garantía Xuvenil, en realidade “a súa estratexia está comprometendo os recursos do futuro” para Galicia.