O portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Luis Álvarez, criticou hoxe a falla de resposta da conselleira de Infraestruturas diante do informe do Tribunal de Contas sobre os retrasos na execución das obras do AVE entre 2014 e 2017, cando era ministra Ana Pastor. O responsable socialista presentou unha pregunta oral na que criticou que Feijóo e a conselleira Vázquez fixeran “chitón” fronte a uns retrasos de 50 meses.
Álvarez lamentou o empeño da conselleira de “quitar un rédito impresionante” criticando ao goberno central por un retraso das obras do AVE que se remonta precisamente á etapa de Mariano Rajoy no Executivo central. O parlamentario socialista lembrou que o ministro sucesor de Pastor, Íñigo De La Serna, visitara Galicia cada 3 meses “sen ningún problema” para que agora a conselleira esíxalle a Fomento facer un seguimento mensual.
O parlamentario socialista criticou a “falla de seriedade e dunha resposta medianamente respectuosa” cando a conselleira respondeu do informe do Tribunal de Cuentas apelando á situación do IVE ou á condición do ministro Ábalos. Sen embargo non respondeu, dixo, dos 1.075 millóns de euros de adxudicación en expedientes dos contratos do AVE que foron suspendidos naquela etapa.
Advertiu que aquel informe, recentemente coñecido, detectou “retrasos, descoordinación e falla de previsión” na execución das obras entre 2014 e 2017, como na vía esquerda Vilariño – Campobecerros, na que aprobaron o gasto da certificación final 9 meses despois da recepción da obra, cando o máximo é de 3 meses.
O tramo Cerdedelo – Prado, engadiu, sufriu tres suspensións, e o proxecto da variante de Ourense entre Seixalvo e a estación, sufriu a falla de coordinación entre as administracións, sinalando á falla dun informe de Cultura.