O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, acusou hoxe ao presidente da Xunta de situarse como “mellor aliado do Goberno central” na paralización dos investimentos en Galicia. Na sesión de control ao presidente ofreceuse a conformar unha “estratexia común” que mude o camiño “a ningunha parte” de Feijóo que “para Galicia é suicida”.
O responsable socialista criticou a parálise do goberno galego fronte ao “castigo” para Galicia que, dixo, “xa non é poñer outra meixela, é dicir que chove”. Explicou que “co que deixou de executar o goberno de Rajoy sobre o previsto nos Orzamentos para Galicia nos últimos 4 anos daría para liberar a peaxe da AP-9 para sempre 4 veces, ou permitiría comprar Audasa unha vez e media”.
Fernández Leiceaga resumiu así as “labazadas” que lle asesta o goberno do PP a Feijóo pero na meixela de tódolos galegos e galegas logo de gañar as últimas eleccións, dixo, como “castigo” para frear os seus intentos por sobresaír na política nacional. Advertiu que “esta insólita actitude do goberno central con Galicia ten efectos a curto prazo sobre a nosa economía”.
Citou o informe do BBVA Researchs, que sinala que o factor da obra pública está a ter un impacto negativo sobre Galicia, e o índice de competitividade das empresas elaborado polo Colexio de Economista pasou a Galicia dun nivel medio – baixo en 2008 a un nivel baixo hoxe.
Por iso propuxo unha “estratexia común para dicirlle ao Goberno central que esta situación non pode continuar” e que “ten que comprometerse con Galicia, co desbloqueo da AP-9, con situarnos no corredor de mercadorías por ferrocarril ou impulsar o AVE. Reivindicou “facer algo parecido” co Plan Estratéxico de Estradas, do que Galicia está “desaparecida” nos 2.200 millóns de investimentos previstos para o próximo ano e medio.
Filibusterismo
O portavoz socialista criticou que o goberno central, logo de recoñecer o seu “filibusterismo parlamentario” e anunciar o desbloqueo de Leis no Congreso, mantivera o veto á transferencia da AP-9. Engadiu que os datos de execución de investimentos do Estado para 2017 indican “niveis paupérrimos”, que serán “os peores despois do desastre dos catro anos anteriores”, acumulando os 5 peores anos de investimento dende 2000.
No apartado de licitacións, e de acordo co informe de Seopan, sinalou que o ano pasado foi “o peor ano da administración central para esta Comunidade Autónoma dende 2000” co que, dixo, “hai recuperación económica e fiscal a escala global pero castigo para Galicia. Advertiu que a marxe demostrada polo goberno par financiar o cupo vasco e premiar a estratexia soberanista do PNV traduciuse en “carbón para Galicia”.
Neste sentido, explicou que anulación de contratos do ano 2011 por parte de Adif sobre comunicacións, seguridade, electrificación e mantemento no AVE Pedralba – Ourense –Santiago, ademais dos retrasos adicionais na conexión ferroviaria ata a próxima década, supón que “o saldo de Fomento para Galicia é negativo”.
Finalmente, criticou que logo de que o Ministro de Fomento negara modificar o trazado do corredor ferroviario de mercadorías para conectar a Galicia, a continuación anunciara a súa alteración para “incorporar primeiro Zaragoza e Pamplona e despois Bilbao”. Para Galicia “nada”, explicou, mentres Algeciras ten dúas conexións –a través de Madrid e polo Mediterráneo- e Lisboa outras dúas –por Madrid e Coimbra-.