O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, acusou hoxe ao PP e ao Goberno galego de “agochar” os 108 proxectos industriais que ten anunciado Feijóo como supostos aspirantes aos fondos covid. Así o dixo logo de coñecer a negativa do PP a unha proposta socialista en Comisión para reclamarlle á Xunta que faga entrega dos proxectos aos representantes parlamentarios.
O PP tamén se negou a constituír unha Mesa de Traballo incluíndo aos grupos parlamentarios, axentes sociais e económicos, investigadores e universidades na que poidan propoñer, estudar e trasladarlle ao goberno do Estado os proxectos que opten aos fondos de reconstrución da UE. Martín Seco sinalou que “non sei por que queren ocultar o que lle presentou o goberno galego a Madrid”, e que advertiu que “ou é unha folla de excell sen contido ou teñen algo que agochar”.
Dixo que, por moito que o presidente da Xunta teña anunciado estes proxectos nos medios de comunicación sen detalle o pasado 15 de outubro, o Parlamento de Galicia “non tivo nin ten a día de hoxe información sobre as ditas iniciativas, nunha falla de respecto absoluta da Xunta de Galicia á cidadanía galega”. Advertiu que o desplante do goberno galego vai máis alá, xa que “tampouco se trataron ditos proxectos cos axentes sociais e os sectores implicados no desenvolvemento”.
Considera “incrible” a opacidade do goberno galgo mentres outros gobernos autonómicos seguen o camiño contrario. É o caso de Andalucía, ou Navarra, onde celebraron unha sesión parlamentaria monográfica. En Euskadi, engadiu, o goberno si que que trasladou a documentación, e o goberno de Cantabria se reuniu cos portavoces parlamentarios e constituíu unha Mesa aberta a aportacións.
Martín Seco criticou a “falla absoluta de seriedade” da intervención do PP para xustificar o veto a esta iniciativa, e lembrou que “se o orzamento da Xunta medra é porque recebe máis de 1.600 millóns de euros do Estado” para a xestión da crise do coronavirus.
Apuntou que “se de vostedes dependera, o que recibiriamos da UE sería cero” logo do “intento de bloqueo” aos fondos por parte do PP e do non aos orzamentos do Estado tanto daquel partido como do “erro maiúsculo do BNG”, que en plena pandemia escolleu “erixirse en gran aliado do discurso do PP” e votar contra os Orzamentos do Estado.
Falla de proxecto
O responsable socialista lamentou que a Xunta “despois de 12 anos de goberno” sexa “incapaz de desenvolver o tecido industrial”, cunha política económica marcada pola “pasividade”. Isto causou, asegurou, “unha constante perda de peso no noso país no conxunto da economía estatal, un avellentamento da nosa sociedade e unha fuxida da nosa xuventude cualificada cara ao exterior”.
Seco remarcou que Galicia “xógase moito con estes fondos europeos”, xa que poderían supoñer o “relanzamento” para a nosa comunidade ou “un estancamento, que non nos podemos permitir”. Así, instou a cambiar “unha política económica errática, sen un estudo e posta en valor das nosas capacidades”.